Piquetes nos accesos á facultade e aos despachos durante máis dun mes, recursos de alzada, concentracións perante a reitoría, solicitude de audiencia coa Conselleira de Educación... As mobilizacións dos alumnos da Facultade de Ciencias Políticas de Santiago non lograron frear o proceso de inclusión da carreira no Espazo Europeo de Educación Superior. Os estudantes interromperon o paro logo de que na última Comisión de Titulacións non se tratase o asunto. Todo apunta a que Ciencias Políticas e da Administración será a primeira en adaptarse de forma experimental ao Plano Boloña no próximo curso 2008-2009.
Daniel Vaz, voceiro dos estudantes, recoñece que as protestas teñen como orixe "a falta de transparencia na comisión que votou a prol do novo plano, xa que foi nomeada a dedo pola decana na Xunta da Facultade". Segundo denuncia Vaz, o día da votación a Xunta de Facultade estaba integrada, entre outros, "por alumnos do sindicato favorábel ao plano que nese momento estaban en funcións".
O voceiro dos estudantes asegura que están en contra do plano, "porque está mal feito". Vaz sinala que artellaron o plano "en tres ou catro días para adiantarse a outras carreiras, xa que non se vai permitir a duplicidade de títulos". O profesor Xosé Luís Barreiro Rivas, que formou parte da comisión que votou o plano, considera que a meirande parte dos alumnos protesta "porque se opón a Boloña". O politólogo tamén fai referencia á actitude contraria dos afectados pola supresión de materias dos departamentos externos. Barreiro Rivas desmentiu que o plano se fixese nun curto período de tempo, "atopámonos na parte final do proceso de Boloña, só nos limitamos a acabar o camiño". O profesor desmente a improvisación, "o único que fixemos rápido foi a redacción do último papel xa que levamos traballando anos nas directrices que marca o libro branco". Aínda que recoñece o dereito á folga, Barreiro Rivas posiciónase en contra da "obstrución" dos alumnos, que impedían o paso á facultade e mesmo aos despachos dos profesores.
Co nome de Ciencias Políticas e Xestión Pública, a licenciatura pasará a ser un grao de catro anos. "Hai unha gran carga lectiva de todo o relacionado coa Administración en detrimento da cultura política", asegura Daniel Vaz. Pola contra, Barreiro Rivas subliña a importancia da orientación cara á profesionalización, "só se suprimen as materias de adorno". O profesor, que non ve razón para que se dea un conflito, considera que todos os que queiran encamiñarse á política poderán facelo nun posgrao.
Unha vez que finalice o proceso, os alumnos que estudan co plano vello poderán adaptarse ao novo proxecto ou poderán continuar co anterior un ano máis con dereito a docencia e dous anos máis con dereito a exame. Non obstante, a "Plataforma polo Non" prevé que non haberá profesores suficientes para cubrir os dous planos.