Simón Márquez, Xosé Moreira e Xesús Montoiro, veciños da parroquia compostelá do Eixo, ingresaron no cárcere logo de verse implicados nuns disturbios en 1998. As máis de 10.000 sinaturas que pedían o seu indulto non evitaron que os tres veciños acusados de agredir a un policía entrasen na prisión. O ingreso na cadea coincidiu coa visita de Alfredo Pérez Rubalcaba a Galiza, que tildou de electoralista a demanda das competencias de Tráfico.
Berros de ánimo, bágoas e moita emoción acompañaron os tres veciños do Eixo o día do seu ingreso no cárcere de Teixeiro por mor da agresión a un policía hai máis de nove anos. Pouco antes das nove da noite, Márquez, Moreira e Montoiro termaban das súas maletas e vían por última vez os seus familiares e veciños antes de quedaren privados de liberdade. A palabra inxustiza era a máis repetida polos 500 veciños que quixeron pedir o indulto unha vez máis para os acusados. O suceso transcendeu a toda Galiza e un bo número de asociacións de veciños da comarca mobilizáronse para reclamar o indulto de Márquez, fontaneiro de profesión, Moreira, libreiro, e de Montoiro, chofer. Ademais dos seus familiares e veciños, non quixeron faltar á cita na porta do cárcere o deputado do BNG Bieito Lobeira, o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo ou o escritor Suso de Toro. O 14 de xullo de 1998 foi a data que marcou a vida dos tres veciños do Eixo. Pasadas as dez da noite, arredor de 200 manifestantes concentráronse na N-525 en protesta porque Fomento abrira dous días antes un novo carril de tránsito lento sen construír previamente un paso a desnivel para que os veciños de Santa Lucía puidesen cruzar dun lado a outro da vía pública. O lugar constitúe un punto negro no que aínda hoxe hai atropelos e accidentes. Ese día, o policía Luís Gómez Vázquez tentou levar preso un menor de idade e varios veciños impedírono nun suceso que, aínda hoxe, é interpretado de moi variados xeitos polos habitantes do lugar e polo Tribunal de Xustiza. A sentenza, emitida o 17 de outubro de 2003 e que lles deu a razón aos policías afectados, condenou a Márquez, Moreira e Montoiro a un total de sete anos de cárcere por cada un. Segundo a directiva da Asociación de Veciños do Eixo, o caso tería que ser resolto cando era ministro de Xustiza Juan Fernando López Aguilar. Inmediatamente, o seu sucesor, Mariano Fernández Bermejo, desbotou concederlles o indulto malia que, segundo a directiva veciñal, apenas coñecía o suceso.
O Concello de Santiago e o Parlamento galego sumáronse ás diferentes manifestacións de solidariedade cos veciños, que logo de teren pagadas as indemnizacións de 156.000 euros, insisten na súa inocencia. Un dos veciños acusados fixo público o seu perdón ao policía. Os outros dous resistíronse a facelo porque consideran que pedirlle perdón representaría recoñecer unha culpabilidade que non admiten. Mentres tanto, centos de galegos seguen loitando para que o Goberno de Madrid libere estes tres homes. Hai quen apunta que o policía que resultou indemnizado pola sentenza, que dende entón está incapacitado para traballar, "non está tan mal e sae todos os días coas vacas por San Marcos". Segundo algúns veciños "non todo é trigo limpo neste tema".
Pola súa banda, a Xunta de Galicia traballa para conseguir o indulto para Márquez, Moreira e Montoiro. Segundo Emilio Pérez Touriño é preciso buscar unha solución para un feito acontecido hai case dez anos. O xefe do Executivo galego salientou que os tres veciños son persoas "perfectamente integradas" e que carecen de antecedentes por condutas violentas. Touriño tamén reclamou "máxima consideración e solidariedade" co policía agredido.
Rubalcaba contra a transferencia de Tráfico
O ingreso en prisión dos veciños do Eixo coincidiu o mesmo día no que o ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, visitou Galiza. Unha vez máis, o ministro deulle as costas a demanda do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, de acadar as competencias de Tráfico. Aínda que o traspaso conta co apoio unánime do Parlamento, Rubalcaba considera que esta reivindicación responde á "efervescencia propositiva" que se dá en vésperas das eleccións. Durante a visita oficial en Santiago, Rubalcaba advertiu que unha aspiración de tal nivel "merece un momento de reflexión diferente" ao dos períodos preelectorais. O ministro do Interior evitou facer referencia á competencia de Tráfico unha vez que se celebren as eleccións.