Non é casualidade que Galiza sexa coñecida por ser o país dos mil ríos nin que os poetas e escritores máis recoñecidos da nosa literatura tecesen con verbas sobre o ecosistema fluvial as súas composicións. Dende sempre, Galiza estivo ligada aos ríos, cuxos leitos canalizan o chamado "sangue da terra". Os muíños, pontes, fontes ou lavadoiros que aínda permanecen erixidos nas beiras das canles son o sinal que mellor lembran que a vida do río estaba estreitamente ligada á cotidianeidade dos nosos devanceiros. Non obstante, nos últimos dous séculos a contaminación está a facer case imposíbel a supervivencia dalgúns deles.
Dende o 2004, Adega trata de atallar a problemática ambiental do ecosistema fluvial co Proxecto Ríos, que parte do principio da participación da cidadanía. A proposta de traballo na que participan máis de 200 voluntarios baséase na inspección das condicións ecolóxicas dos ríos. Centros de ensino, ANPAS, asociacións ecoloxistas, de pescadores ou veciñais e particulares percorren dúas veces ao ano o treito do río elixido para traballar na erradicación da polución.
Virxinia Rodríguez, coordinadora do proxecto, explica que os alicerces da iniciativa se remontan a principios do 2000, cando Adega tomou contacto con responsábeis do Projecte Rius de Catalunya. Foi no 2004 cando a asociación ecoloxista comezou a adaptar a metodoloxía importada da experiencia catalá a Galiza.
Cos materiais que lles fornece de balde Adega, na tempada de outono e de primavera os voluntarios inspeccionan os ríos mediante o control dos parámetros físico-químicos, como o caudal, velocidade, anchura, tipo de substrato, o PH ou nitratos, dos parámetros biolóxicos, como a flora, a fauna ou o estado do bosque, e das posíbeis alteracións, como verquidos ou a contaminación. A coordinadora do Proxecto Ríos explica que as actividades "están abertas a todos os que queiran participar", xa que segundo explica "as inspeccións son doadas e pouco a pouco os voluntarios son quen de examinar por si sós o estado do treito que elixiron eles mesmos". "Cos datos das análises facemos o informe anual que detecta a saúde dos nosos ríos", engade Rodríguez.
"Que haxa dúas inspeccións para a recollida de datos ao ano non significa que os que estean interesados non poidan saír ao río e enviarnos os datos", sinala Virxinia Rodríguez. Os que xa se iniciaron na inspección poden dar un paso adiante na defensa do ecosistema fluvial para pasar a responsabilizarse dun treito do río elixido para involucrarse ao longo do ano na súa conservación. "Dende a organización dotámolos co noso traballo e ofrecémoslles información sobre a solicitude de permisos ou de financiamento", apunta a coordinadora. Para poder abordar os labores de conservación e análises dos ríos, Adega conta coa colaboración da Consellaría de Medio Ambiente e coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
O Proxecto Ríos organiza outras actividades para espertar na sociedade a sensibilidade polo ecosistema fluvial. Virxinia Rodríguez destaca, entre as moitas actividades que se deseñan para o proxecto, o Roteirríos, percorridos a pé, en bus, en bicicleta ou en piragua, ou as saídas formativas, nas que os voluntarios contan co equipo directivo do proxecto.
Ao longo do ano, organizan cursos formativos en todo o país para que os voluntarios se acheguen ao mundo dos macroinvertebrados, da flora e da fauna que habita as canles e as súas marxes de xeito ameno e lúdico.
O pasado 14 de xuño celebrouse en Melide o IV Punto de Encontro do Voluntariado Ambiental. Compartir experiencias, presentar traballos, visionar documentais e emprender un roteiro foron as principais actividades nas que participaron os voluntarios do Proxecto Ríos de varios puntos do Estado.
Muíños, pontes e pontellas, batáns, lavadoiros, fontes, pesqueiras, pozos, ermidas, regos... o Proxecto Ríos non só se aborda dende a perspectiva natural e medio ambiental, tamén recolle elementos da etnografía galega que poñen de manifesto a riqueza que posúen os ríos en patrimonio cultural.
Ademais de elementos etnográficos materiais, o Proxecto Ríos galego incide na recuperación de patrimonio inmaterial. Deste xeito, recadan cantigas, poemas, lendas e contos que xiran ao redor dos ríos. "Esta iniciativa gustou moito en Catalunya e o Projecte Rius púxose en contacto con nós para incorporalo", asegura Rodríguez.