As organizacións sindicais están a convocar actos de protesta contra a importación do leite e contra a caída de prezos en Galiza. Ao longo de toda a semana mercaron e derramaron varios briks de leite de produto foráneo, principalmente portugués e francés, e a partir de agora as organizacións doarán leite autóctono a algunha asociación benéfica
As organizacións sindicais Unións Agrarias (UU AA), Xóvenes Agricultores (XX AA) e Sindicato Labrego (SLG) protagonizaron ao longo da semana actos de protesta contra a importación do leite e a caída de prezos da materia prima en Galiza. Malia que nun principio optaron por derramar e estragar o leite, os participantes razoaron, "dóenos no corazón tirar o leite" e a partir de agora daranllo de balde a organizacións sen ánimo de lucro.
Os sindicatos critican a falta de liderado das administracións galega e central ante a crise do sector lácteo en Galiza. Tras as reiteradas concentracións ante as consellarías da Xunta e ante a delegación do Goberno para esixir un control "eficiente" das importacións de materia prima, os sindicatos felicitaron a consellaría de Medio Rural pola súa "proposta de solucións" ao conflito de Leite Río e Indega. A mediación de Medio Rural permitiralle á cooperativa lograr "unha solución de compromiso" que lles arranxará a situación "polo menos a curto prazo", malia subliñar que os problemas do sector lácteo galego continúan "vixentes", polo que os sindicatos piden que conten con "sensibilidade" cara á "situación crítica". UU AA, XX AA e o SLG piden que se garanta a recollida a prezos de mercado e que se deteñan as grandes importacións de leite barato de Francia, Alemaña e Holanda.
As protestas do sector do leite en Galiza espalláronse por todo o Estado. A unidade de acción sindical demostrada nos últimos días en Galiza referendouse o xoves en Oviedo. Alí UPA -onde participa Unións Agrarias-, COAG -na que participa o Sindicato Labrego Galego- e ASAJA -Xóvenes Agricultores- decidiron comezar unha campaña de mobilizacións contra "a situación de abuso e dominio por parte da industria e da distribución". Os sindicatos denunciaron que "algunhas industrias lácteas decidiron de forma unilateral parar a recollida de leite nalgunhas zonas produtoras, o que supón a ruína dun bo número de explotacións gandeiras, dándose a paradoxa de que os gandeiros españois só poden producir o 65 por cento do leite que realmente se consume no noso país".
No caso de Galiza, o maior exemplo é a cooperativa INDEGA. Esta cooperativa do Deza, segunda máxima produtora de Pontevedra, anunciara este mércores que comezaría a tirar o leite por non ter onde almacenalo. A causa era o boicot da industria galega Leite Río, que se negaba a negociar coa cooperativa e quere firmar individualmente cos gandeiros.Na raíz do conflito atópase o contrato homologado, do que existe un modelo galego e outro estatal. Este contrato serviu para desactivar as protestas gandeiras da primavera. A través del, as industrias comprometéronse por vez primeira a firmar contratos dun ano para mercar o leite a un prezo prefixado. Agora tentan, en opinión dos sindicatos, baixar ao máximo os prezos para tentar que estes sexan os mínimos posíbeis durante un ano. Con todo, Medio Rural recoñeceu que a día de hoxe non hai ningún contrato asinado. A Xunta alega que faltan "detalles técnicos" para fixar os baremos que determinarán os prezos do contrato homologado galego.