A inestabilidade instalouse en tres gobernos municipais durante o mes de agosto. En Cangas e Mos aínda tratan de solventar os problemas. Pola súa banda, no Porriño, o BNG logrou saír fortalecido ao non prosperar a moción de censura. En Cangas, a alcaldesa Clara Millán dá por feita a continuidade do pacto ao aceptar gobernar o municipio o portavoz do PSOE, Héctor Otero, mentres a nacionalista se atope de vacacións. O mes pasado, os socialistas daban por "suspendido" o pacto ao sentírense "ninguneados" pola alcaldesa, á que acusan de non respectar as súas competencias e de non querer convocar a comisión de seguimento do pacto. O PP, que conta con oito edís, pretende aproveitarse das diferenzas de criterio no goberno, formado polos catro concelleiros do PSOE, tres de Alternativa Canguesa de Esquerdas e seis do BNG. Todo apunta a que nos próximos días se celebre unha reunión de portavoces que solucionará as diverxencias.
Minoría en Mos
A marcha do grupo socialista do edil Xerardo Alonso, que alegou como motivos o pacto de goberno co BNG e a negativa de crear un consorcio de emprego, deixou en minoría o bipartito de Mos, que xa tardara nove meses en constituíse por falta de acordo. Ao pasar Alonso ao grupo de concelleiros non adscritos, o PSOE e o BNG fican con oito edís, os mesmos que posúe o PP, polo que o bipartito queda exposto a unha moción de censura. Malia o acordo que existe co PP para non chegar a pactos cos tránsfugas, a portavoz popular Nidia Arévalo asegurou que a solución aos problemas pasan por cambiar a actual alcaldesa, a socialista María Xesús Escudero, que á súa vez insiste na necesidade de manter a estabilidade no goberno.
Francés continúa no Porriño
No caso do Porriño, o alcalde nacionalista Raúl Francés segue a gobernar o municipio ao non prosperar a moción de censura que o PP, Ciudadanos por Porriño e Independentes de Porriño tiñan previsto presentar logo de votar en contra a moción de confianza de Francés para aprobar as contas municipais. As diferenzas no nomeamento do posíbel alcalde impedíronlle aos tres grupos arrebatarlle a alcaldía ao BNG. Pola outra banda, ao non teren presentadas alternativas ás contas que expuxeran os nacionalistas, o Porriño conta por fin con novos orzamentos, que levaban prorrogados dende o 2002.