O debate careceu do calado que tivera no ano anterior, no que o Estatuto centrara as intervencións dos líderes políticos. Nesta ocasión, as pensións, a lingua, a reforma da TVG e o autogoberno foron os temas que máis interese acadaron. Mentres o presidente e o vicepresidente optaron por subliñar os logros do bipartito, o PPdeG avogou por criticar o “desgoberno”.
Durante a súa primeira intervención, que durou ao redor de dúas horas, Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta, tratou de esgotar todas as posibilidades de autogoberno que ofrece o Estatuto actual. Tamén apostou por un pacto unánime en materia lingüística e pola creación dun “acordo de país” sobre as liñas de ordenación territorial. A resposta do líder do PPdeG, Alberte Núñez Feixóo non se fixo esperar. O popular criticou o enfrontamento entre as consellarías e referiuse ao goberno do bipartito como “desgoberno”. Ademais, acusou a Touriño de facer un “discurso de investidura” do que non levou a cabo nos dous últimos anos. A continuación, o líder popular comunicou unha batería de dez propostas do seu partido, entre as que cabe salientar a redución do imposto de sociedades dun vinte e cinco a un vinte por cento, a elección por consenso do novo presidente da CRTVG antes do próximo ano e o traslado de Ence fóra da ría de Pontevedra.
O presidente da Xunta replicoulle a Feixóo, “vostede cociña o seu discurso no fogar de Xénova e non no de Breogán”, e lembroulle que o Estatuto non foi levado a cabo por mor do Goberno de Fraga. No que atinxe á CRTVG, asegurou que a Xunta ten previsto aprobar unha nova lei. O que molesta ao PP “é ter perdido o poder para utilizar os medios públicos como instrumento de propaganda”, segundo Touriño. Pola súa banda, durante a súa intervención, Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta, referiuse ás tensións entre o bipartito como “creativas” e recoñeceu que son “normais” en gobernos de coalición. Ademais de repasar as materias feitas polas consellarías, avanzou propostas como a creación dunha nova lei de medidas básicas para a inserción laboral ou a dotación dun complemento autonómico para as pensións contributivas máis baixas. Touriño, que na súa primeira quenda de réplica apropiouse do discurso do complemento galego para as pensións proposto por Quintana, e Feixóo, que contestou cun “si” á medida de Quintana, tamén subliñaron a importancia destas pagas. Ao igual que Touriño, Quintana culpou o PPdeG do fracaso do Estatuto. O nacionalista, que celebrou o día 29 de setembro os vinte e cinco anos do Bloque Nacionalista Galego, tamén tivo palabras para os orzamentos do Estado. Asegurou que Galiza recibirá o 8% “grazas á persistencia do BNG”.
O debate finalizou coa aprobación de medidas que atinxen á lingua, ao territorio, ás políticas sociais e á defensa dos sectores produtivas, entre outras. Tras as dúas xornadas de debate, non houbo ningunha iniciativa vinculada co complemento das pensións non contributivas nin da transferencia das competencias de Tráfico, como reclamaba o BNG.
O PPdeG rexeita o pacto da lingua
Os populares non apoiaron a iniciativa conxunta de socialistas e nacionalistas a prol dun gran pacto polo galego que inclúa non só os grupos políticos, tamén os medios de comunicación, sindicatos, empresas e outros axentes sociais. O PPdeG preferiu propor unha transacción, que non foi aceptada, na que demandaba que sexan os pais os que decidan qué lingua deben empregar os seus fillos na escola. Carlos Aymerich, voceiro do BNG no Parlamento, cualificou a medida de “galegofobia”. O PPdeG aproveitou a última xornada de debate para falar do clima político de Cataluña e de Euskadi. Os populares amosáronse en contra de referendos ou consultas sobre autodeterminación ou independencia “en calquera parte do Estado”.