"Hoy vamos a ver El caballito de
boj, de Neira Vilas". Esta frase podería pertencer a unha profesora de
Lingua e Literatura Galega que emprega o castelán como lingua vehicular nas
clases de secundaria que imparte. Casos coma este despréndense do informe que
está a elaborar a Mesa pola Normalización Lingüística no tocante á aplicación
do decreto que regula o uso e promoción do galego no sistema educativo.
Ao caso anterior, poderiamos engadirlle o dos centros de secundaria nos
que só se imparte en galego a materia de Lingua e Literatura Galega, o dunha
profesora de Historia que a medida que avanza a clase traduce o libro ao
castelán ou o do Conservatorio de Lugo, onde a porcentaxe de libros e clases en
galego é nula.
Carlos Callón, presidente da Mesa, apunta que non hai unha aplicación
real do decreto, senón "unha leve mudanza no que atinxe ao material pedagóxico,
aínda que na Formación Profesional non podemos dicir o mesmo". Segundo Callón é
na educación infantil onde se dá un "incumprimento masivo". Para a Mesa, a
transgresión do decreto é un síntoma do desentendemento da Administración,
"estamos moi decepcionados porque Educación non está a tomar medidas para facer
cumprir a lei, mantén a inercia dos Gobernos anteriores". Callón sinala que
Galiza está á cola de todo o Estado, malia que no papel non o pareza. "Xa non
falo de poñérmonos á altura de Catalunya ou de Euskadi, senón á altura de Pais
Valencià, malia estar gobernada polo PP, ou das Baleares, onde teñen plans de
sensibilización, información e formación", apunta Callón.
As reaccións dos partidos
Antón Louro, voceiro da comisión de Cultura do PSdeG-PSOE, recoñece que
a política lingüística "é complexa e vive na contradición, por iso temos que
levala cara a adiante sendo respectuosos e persistentes". Louro sinala tres
puntos polos que debe rexerse o decreto, "o consenso, a capacidade para ir
aplicándoo de xeito progresivo sen crear problemas e o obxectivo de competencia
lingüística". Malia os datos recollidos por un informe da Mesa pola
Normalización Lingüística, o voceiro da comisión de Cultura do PSdeG considera
que "non podemos botarnos en cara as dificultades, ten que haber unha gran
complicidade para o seu cumprimento".
Pola súa banda, o deputado nacionalista Bieito Lobeira apunta que malia
que o decreto está en marcha dende o punto de vista xurídico, "non vai
acompañado dunha práctica real". Lobeira recoñece que "falta material didáctico
en galego" e subliña "o descoñecemento tanto do decreto como do idioma dun
sector da comunidade educativa". O deputado nacionalista advirte que dende que
se aprobou o decreto, "o BNG botou en falta campañas previas informativas".
O PPdeG non entra a valorar as conclusións da Mesa "até que non haxa unha
resposta oficial porque non sabemos con certeza en que nivel nos atopamos". Non
obstante, a voceira en materia de educación do PPdeG, Manuela López Besteiro,
afirma que "as leis están para cumprirse". Besteiro quixo lembrar que o seu
partido "defende o equilibrio e a proporcionalidade entre o castelán e o
galego".
Anxo Louzao, secretario xeral de CIG-Ensino, sindicato maioritario no
sector, sinala que "é necesario que se deseñe un plan que abranga todo o
profesorado para que coñezan e adquiran aptitudes, algo que non se está a
facer". Louzao subliña a falta de material didáctico en galego na Formación
Profesional. A CIG-Ensino considera que a "desidia e pasividade da
Administración imposibilitan aproveitar as potencialidades e posibilidades do
decreto". "A actitude de deixar facer e deixar pasar de Educación tradúcese
nunha non aplicación do decreto". Para a CIG-Ensino, sería necesario que se
crease unha dirección ou subdirección xeral en Educación, "tenden a deixalo nas
mans de inspección".
Fronte ás alusións da Mesa, a Consellaría de Educación prefire gardar
silencio. A Consellaría evitou responderlle ao grupo parlamentar do PPdeG.
Manuela López Besteiro sinala que os populares
preguntáronlle hai semanas á Consellaría de Educación polo decreto "e aínda non
nos responderon". Pola súa parte, Carlos Callón apunta, "non me explico como
Educación di que non sabe dos casos que a Mesa denunciou coa de recursos que
posúe".
A secretaría xeral de Política Lingüística, que lembra que a aplicación
do decreto é competencia da Consellaría de Educación, vén traballando dende
marzo de 2007 coa figura dos coordinadores territoriais para asesorar e
dinamizar os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino.
Segundo a secretaría xeral, cada ano destinan partidas económicas ao apoio do
labor destes entes. Política Lingüística engade que tamén organiza cursos de
formación para o profesorado e para os equipos de normalización.
Polémica sobre as declaracións de Raxoi
Dende que o candidato do PP á presidencia do Goberno de Madrid se
comprometeu a garantir por lei que en todas as comunidades autónomas os
estudantes que o desexen cursen en castelán a meirande parte das materias,
xurdiron numerosas reaccións.
O socialista Antón Louro lembra que "Raxoi tense manifestado como
anti-galego". Ao PSdeG-PSOE sorpréndelle que Mariano Raxoi "non coñeza,
respecte e comparta os acordos aos que chegamos no Parlamento galego". Para
Louro, "o home que odia a lingua do seu país evidencia unha grande incultura".
Para o BNG, "Raxoi falta á verdade ao dicir que a lingua que está en
perigo é o castelán". Segundo Francisco Jorquera, coordenador executivo do BNG,
a reforma suxerida significaría "derrogar unha lei de Normalizacion Lingüística
votada e promovida no seu día polo PP" e acusou a Raxoi de "boicotear o
consenso sobre a lingua".
Pola súa banda, Manuela López Besteiro, que presenciou in situ, as declaracións do líder popular, advirte que "Raxoi non falou de
castelanización, dixo literalmente unha lei que garanta o ensino en castelán para os alumnos de todas as
comunidades autónomas. Segundo Besteiro, o PP defende o "bilingüismo harmonizador" nas
comunidades con dúas linguas oficiais, "algo que non interfire co decreto".