Indica publicitat
Divendres, 10 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 7 de de novembre del 2008 | 16:22
Crònica · Galiza

Un busto lembra o xuíz galeguista Orencio Pérez

Dez anos pasaron da morte do que foi precursor da dinamización da lingua galega na xustiza. Tras o seu falecemento, a corporación municipal viguesa decidira por unanimidade recoñecerlle os seus méritos cunha praza e cun monumento na súa honra. Pasou unha década e sucedéronse os distintos gobernos e agora, no décimo aniversario do seu falecemento, un busto de bronce nos xardíns dos xulgados da cidade olívica e unha praza bautizada co seu nome lembra a Orencio Pérez González, o xuíz galeguista que lle deu pulo á lingua na administración pública, sobre todo no eido xudicial.

 


Traballadores da xustiza, integrantes da Irmandade Xurídica Galega e da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, representantes políticos e amigos do maxistrado promoveron a homenaxe que se celebrou en Vigo. O salón de actos dos xulgados acolleu un acto académico no que se presentou o libro O maxisterio galeguista dun xuíz, que ademais de ser unha escolma dos artigos que Orencio Pérez publicara na década dos oitenta en Faro de Vigo, recompila textos de destacados persoeiros galegos que abordan a figura do maxistrado e que propoñen unha reflexión sobre a cooficialidade lingüística e o seu alcance.

Xosé González, secretario da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, que tamén estivo presente nos actos de homenaxe, lembra a Orencio Pérez como un home "nacionalista, republicano, federalista e aconfesional" que traballou arreo para dignificar o galego "nun tempo e nun ámbito no que eran moitas as persoas de signo contrario".

Pulo ao galego e ao catalán

Orencio Pérez finaba o 20 de setembro do 1998 aos 70 anos de idade cando estaba a piques de xubilarse. O pioneiro do uso do galego no ámbito da xustiza, natural de Castro Caldelas, comezou a súa andaina como secretario de xulgado.

A súa loita pola lingua espallouse tamén cando foi destinado como maxistrado a Mataró, onde aprendeu e promoveu o catalán ao empregalo nas súas sentenzas. A principios da década dos noventa recalou de novo en Vigo, onde era coñecido polo pulo que lle deu ao galego na xustiza e pola influencia que exerceu neste sentido noutros maxistrados máis novos.

No Xulgado de Instrución número 5 desenvolveu un importante labor a prol da lingua xunto ao fiscal Carlos Varela, hoxe Fiscal Superior de Galiza. O que fora un dos fundadores da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística consideraba a lingua e o Dereito dous sinais de identidade unidas á idiosincrasia dos pobos.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat