Ir ao traballo, ao médico ou ao instituto pode converterse nunha odisea nun bo número de vilas debido á escaseza de trasporte público pola estrada. A situación do autobús como medio de transporte público en Galiza difire segundo a zona. A densidade poboacional de Galiza dificulta un servizo que prexudica, sobre todo, o rural. Mentres que algunhas vilas están conectadas cada trinta minutos coas cidades, hai localidades con frecuencias de paso cada cinco horas. As empresas xustifican o escaso servizo que prestan nas pequenas poboacións alegando que é inviábel economicamente.
Tamén as vilas de máis de dez mil habitantes sofren a mala comunicación coas grandes urbes. Este é o caso de Betanzos, que alberga uns trece mil habitantes e se atopa a uns setenta quilómetros de Santiago. O concello coruñés está conectado con Santiago por autobús só dúas veces ao día pola mañá coa empresa Monbús. Con ALSA, os betanceiros teñen a posibilidade de viaxar cinco veces ao día, coa condición de comprar o billete con dúas horas de antelación. Pola contra, o Concello da Guarda, que acolle uns dez mil veciños, está conectado con Vigo cada media hora. Un total de vinte e un buses unen os sesenta quilómetros de distancia os días laborábeis.
Cada día son centos as persoas das áreas municipais de Mondariz, Covelo e Crecente que se desprazan aos hospitais, pero por mor do escaso ou nulo servizo que prestan as compañías de autobuses, os pacientes vense na obriga de ir no coche, en taxi ou desprazarse a outro municipio con mellores conexións. Entre Mondariz e Vigo hai cinco autobuses até as 17.30, de Crecente a Vigo hai dous autobuses ao día os luns, mércores e venres, mentres que o resto das xornadas só hai un autocar, e de Covelo a Vigo hai dous ao día. Visitar un hospital do Sergas en Vigo pode custarlle aos habitantes de Crecente máis de sesenta euros se viaxan en taxi. Os usuarios de Covelo quéixanse porque hai un maior número de frecuencias con Porto e con Madrid, cinco e seis autobuses ao día respectivamente, que con moitas cidades galegas.
Os usuarios do transporte público pola estrada denuncian a falta de información nas marquesiñas que os acubillan mentres agardan polos autobuses. Franqueados pola publicidade, chegan a esperar horas sen saber cando pasará o próximo autobús. Nas paradas que non están afastadas dos núcleos poboacionais, os bares son os que desenvolven a función informativa das estacións.
A escaseza de liñas, o custo dos billetes e a comodidade fan que moitos cidadáns decidan empregar outro medio de transporte público nos seus desprazamentos. De Vigo a Vilagarcía só existe un autobús directo ao día e ningún servizo na liña contraria, mentres que por vía férrea ambas cidades están unidas dezasete veces ao día. A diferenza tamén se observa no prezo dos billetes, xa que os usuarios do tren pagan menos cartos que os do autobús. Os usuarios adoitan preferir viaxar en tren que no autobús. “Ademais de ser bastante máis barato, o tren é máis cómodo e chega antes”, sinala Celia, que colle o tren todos os días para ir traballar a Vigo. Celia apunta que cando se viu na obriga de desprazarse en autobús, “quedei abraiada co recorte de frecuencias, tiveron que vir buscarme a estación porque non saía o autobús até dentro de tres horas”. O transporte por barco é outra das alternativas que posúen os habitantes do Morrazo para desprazarse a Vigo logo de que Monbús recortase de sete a dous o número de autobuses que cobren a liña pola vía rápida. Dende Cangas, o billete do barco custa 1,95 e reduce o tempo da viaxe até os vinte minutos, mentres que o billete de autobús custa 2,30 euros.