Indica publicitat
Dimarts, 14 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Dijous, 11 de d'octubre del 2007 | 16:49
Crònica · Galiza

O canon hidroeléctrico non repercutirá na tarifa da luz malia a ameaza de Fenosa


Galiza súmase a Euskadi, Cataluña e Estremadura ao implantar un canon que penalizará a utilización dos recursos hidráulicos para producir enerxía. A Consellaría de Economía e Facenda fixa como obxectivo gravar a incidencia ambiental das zonas máis prexudicadas pola actividade hidroeléctrica. Fronte ao anuncio do establecemento do canon no 2008, Fenosa advertiu que o imposto poderá repercutir no peto dos consumidores, o que desmentiu Economía, xa que é o Goberno central quen fixa as tarifas. Tralo anuncio da entrada en vigor no 2008 do canon hidroeléctrico, Unión Fenosa desbotou un tributo que, ao seu entender, “é ilóxico”. Honorato López Isla, vicepresidente e conselleiro delegado da compañía, asegurou que “está permitido” trasladar este tipo de gravames aos consumidores, o que pode “repercutir no recibo da luz”. Fronte ás declaracións de López Isla, a Consellaría de Economía asevera que o canon “non terá impacto na tarifa eléctrica dos consumidores, nin domésticos nin individuais”.

Coa aplicación do tributo, Galiza será a cuarta comunidade do Estado que grava o emprego de recursos naturais para xerar enerxía. Cataluña, Euskadi e Estremadura contan cun sistema semellante. A lei medioambiental de Estremadura é a máis ambiciosa, xa que grava todas as instalacións que producen enerxía, non só as centrais hidráulicas. A través deste gravame, a comunidade recada uns 27 millóns de euros. algúns expertos apuntan que, de aplicar o canon, Galiza contaría cunha cantidade semellante nas súas arcas.

O deseño do tributo

O anunciado canon hidráulico, que se implantará o próximo ano, é un imposto de carácter medioambiental que gravará a terra ocupada polos encoros que producen enerxía eléctrica. A tarifa, que exime as presas destinadas ao aproveitamento da auga pola poboación, estará relacionada co volume de auga que recollan as instalacións para evitar que as eléctricas paguen en función da enerxía xerada. Segundo a Consellaría de Economía, coa instauración do tributo gravarase a incidencia ambiental dos encoros “co fin de compensar as externalidades negativas que se producen pola modificación do ciclo de auga”. No que atinxe a súa aplicación, a Consellaría de Economía explica que se tramitará como Lei no Parlamento de Galiza.

Segundo a Xunta, o canon hidráulico foi creado coa intención de gravar o “dano ambiental” que supón a actividade das centrais hidroeléctricas. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, leva anos reclamando penalizacións para as comañías eléctricas, “que causaron graves danos medio ambientais e sociais en Galiza”. Fins Eirexas, secretario da asociación, amosouse a prol dunha medida “positiva e interesante”. Non obstante, manifesta que, “a medida será un globo sonda máis e só encherá titulares dos xornais se non leva aparellado o cumprimento das medidas lexislativas”.

Aínda que a ADEGA parécelle acertada a posibilidade de cobrar un canon eléctrico, o seu secretario reclama “unha política máis decidida a prol da defensa dos ríos”. Segundo Eirexas, “cómpre establecer medidas lexislativas decididas, porque parece que as leis ecolóxicas son menos importantes que as demais”. Como complemento ao tributo, o secretario da asociación ve preciso instaurar “un plano de recuperación dos ríos galegos, centrado nos impactos ambientais”.

A asociación ecolóxica considera que o canon non só debe ser aplicado sobre os grandes encoros, senón que se estenda “a todos os centros hidroeléctricos do país, tamén ás minicentrais”. ADEGA tamén defende que o canon non sexa unha fonte financeira máis, “debe ter como obxectivo reinvestir na mellora do medio natural”.

Resposta a Fenosa

En canto á suba das tarifas, Eirexas apunta, “é o que falta, levan anos aproveitando os recursos públicos e creando impactos sociais”. O secretario de ADEGA acusa a Fenosa de non querer cumprir coa débeda ecolóxica, “agora queren transmitirlla a todos e Fenosa non deixa no país ningún beneficio, leva toda a plusvalía para Madrid e somos nós os que sufrimos os impactos”. Co obxectivo de protexer os usuarios, ADEGA considera que debe ser a Administración quen regule calquera intento de modificar a tarifa eléctrica.

Revisión das concesións

Fins Eirexas aposta pola revisión das concesións das hidroeléctricas, “en Galiza hai aproveitamentos que comezaron co franquismo e prorrogáronse sen ter en conta os cambios que houbo na lexislación ambiental”. Eirexas denuncia a permisividade da Administración respecto ás concesións, “hai ducias de ríos que están sobreexplotados, como o Xallas, e aínda lle deron a Villar Mir concesións”.

 

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat