Indica publicitat
Dijous, 9 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 12 de de desembre del 2008 | 14:34
Crònica · Galiza

Unha moción de censura que racha co pacto antitransfuguismo

Finalmente, esta mañá saíu adiante a moción de censura no Concello de Mos (Pontevedra) que fora promovida polo PP e polo edil non adscrito Xerardo Alonso Porto, que abandonou o PSOE o pasado mes de agosto. Os máis de 200 veciños que acudiron ao pleno puideron interromper durante un tempo a sesión plenaria, pero non foron quen de frear a aprobación da iniciativa. Parte do público presente acusou o PP de contratar 'matóns de discoteca' para garantir a súa seguridade.

 

 

Os oito concelleiros do PP e o edil tránsfuga chegaron ao salón do Centro de Desenvolvemento Local pasadas as oito da mañá, acompañados por unha trintena de empregados de seguridade contratados polos populares, xa que, segundo confirmou a líder do PP local, Nidia Arévalo, nin a alcaldesa nin a subdelegación do Goberno "quixeron garantir a seguridade" do pleno.

 

 

 

Horas máis tarde, a até entón alcaldesa, a socialista María Xesús Escudero, e o resto de edís entraban pola porta do local, mentres os veciños se amoreaban ás portas coa intención de asistir á sesión. Os integrantes do actual goberno municipal tamén foron recibidos con berros, unha mestura de ánimos e apupos que se incrementaron unha vez iniciado o pleno.

 

 

 

Agora, o actual goberno municipal, integrado por socialistas e nacionalistas, terá que deixar paso a unha corporación nova cos membros do PP e o tránsfuga como protagonistas. A alcaldesa do PSdeG-PSOE, María Xesús Escudero, terá que abandonar o seu cargo que asumirá a partir de agora outra muller, Nidia Arévalo, que saíu do pleno, xunto os seus compañeiros de partido e xunto ao ex socialista Xerardo Alonso, custodiada pola Garda Civil. A nova alcaldesa de Mos é unha persoa de máxima confianza do presidente da Deputación de Pontevedra, o popular Rafael Louzán.

 

 

 

Pacto Antitransfuguismo

 

Nada máis darse a coñecer que o PP ía presentar unha moción de censura no Concello de Mos coa colaboración dun tránsfuga, o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda saía do paso afirmando que a iniciativa fora tratada polo comité local dos populares. Así, dicía que carecía da "autorización" do partido "desde o primeiro momento". "A moción de censura non se fará en nome do PPdeG", sentenciaba Rueda. Con todo, malia estar primeiras verbas dos populares, a moción saíu adiante rompendo así o pacto antitransfuguismo.

 

 

 

Logo de ser presentada a moción de censura en Mos, os tres grupos parlamentarios, PPdeG, PSdeG e BNG tentaron reafirmar na Cámara o pacto antitransfuguismo para rexeitar a iniciativa, pero as diferenzas entre socialistas e populares impedírono.

 

 

 

O portavoz parlamentario dos socialistas, Ismael Rego, culpaba hai uns días o presidente dos populares en Galiza de ser "o impulsor verdadeiro desta forma de facer política", o que "demostra día tras día" coa "estratexia política" que está levando a cabo en Mos. Pola súa banda, o seu homólogo do BNG no Parlamento, Carlos Aymerich, lamentou a actitude do PPdeG por "non só tolerar, senón alentar a moción de censura apoiada por un tránsfuga".

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat