O cuarto de folga dos transportistas en Galiza desenvólvese sen incidentes graves e faise notar cada vez máis nos supermercados, nas grandes empresas, na agricultura e nas estradas, que acumulan retencións. A actividade dos piquetes en Galiza está a paralizar perto do 80 por cento da actividade nos grandes polígonos industrias. As forzas de seguridade realizaron máis dun cento escoltas en todo o país para evitar o desabastecemento dos produtos básicos. Durante esta semana, a garda civil custodiou convois de Sogama, de empresas de alimentación para asegurar os servizos e camións de combustíbel.
As grandes empresas galegas notan cada vez en maior medida as consecuencias do paro no sector. A planta de PSA Peugeot Citroën permanece paralizada dende esta mañá e xa onte viuse na obriga de reducir considerabelmente a actividade. É a terceira vez na historia que a planta viguesa ten que pechar. Desta vez, 2.300 vehículos deixan de ser producidos cada día por mor da falta de materiais.
Pola outra banda, a folga apreciouse durante os pasados días nas principais estradas galegas. Vigo, A Coruña e Guitiriz rexistraron marchas lentas de vehículos de transporte e provocaron longas retencións. Outras empresas como Inditex, cuxa roupa non está a ser distribuída, ou Coren, que está paralizada, sofren tamén os efectos do paro no transporte.
No que atinxe ao abastecemento de alimentos, malia que hai supermercados nos que comezan a escasear algúns produtos, o desabastecemento no país non é aínda unha realidade, sobre todo nas grandes superficies, onde aseguran que non teñen problema ningún. Os postos dos mercados continúan coa súa actividade ao abastecérense da contorna próxima. Hai quen incluso emprega o coche para transportar a mercadoría. Ademais, moitos estabelecementos están a surtirse con furgonetas que estes días podían circular. Os que non puideron chegar ao seu destino estes últimos días foron os camións procedentes do matadeiro de Lalín, que tentaban chegar a Vigo. Os carniceiros prevén que no caso de continuar o bloqueo, a fin de semana haberá problemas de desabastecemento. Tres días é o prazo que dan algúns comercios para poder manter o nivel de almacenamento de produtos no caso de que o subministro quede paralizado. En MercaGalicia apenas chegaron camións e estiman que a mercadoría coa que contan chegue para un máximo de dous días.
O sector agrogandeiro está a sufrir en maior medida as consecuencias da folga. Algúns gandeiros vense na obriga de tirar o leite ao non ter como darlle saída nin como almacenalo por falta de camións. Leche Río, que recolle o 30 por cento do leite que se produce en Galiza, ten paralizada a súa actividade, xa que os piquetes impídenlles desde o luns que entren camións ás instalacións para darlle saída á mercadoría. Ademais, algunhas cisternas apareceron coas pinchadas, o que imposibilitou a recollida nalgunhas rutas. Os sindicatos agrarios cifran no 80 por cento a cantidade de leite que os gandeiros teñen que estragar. Segundo denunciou o Sindicato Labrego Galego, o sector perde sete millóns por deixar de vender diariamente alimentos, polos, tenreiros, coellos ou hortalizas, pola folga de transportes. Non obstante, o sindicato rexeita botarlle a culpa desta situación aos transportistas, aos que comprenden nas súas reivindicacións. O SLG lamenta que o Goberno non tome ningún tipo de medida ante a carestía dos custos de produción, especialmente provocado polo combustíbel. A secretaria do SLG, Carmen Freire, interpretou que con este "deixamento" o Goberno parece que "nos empraza tamén a botarnos á rúa". Deste xeito, o sindicato nacionalista revelou que está xa "articulando neste mesmo momento" esta posibilidade de sumarse ás medidas de protesta que pola subida do prezo do combustíbel.
A flota de baixura desconvoca o paro
Paulatinamente, durante a xornada de hoxe foron incorporándose ao traballo parte dos barcos que forman a flota de baixura galega. Non obstante, non todas as confrarías se sumaron a esta volta ao traballo, ao considerar que non se cumpriron as súas reivindicacións. Os últimos datos, da Consellaría de Medio Ambiente, cifran ao redor do 22 por cento os barcos da flota de baixura que hoxe saíron faenar. Pola súa banda, a flota de altura continúa co paro, que se prevé sexa total a partir do día 15, cando estean amarrados o cento por cento dos barcos que veñen de fóra de Galiza.
A meirande parte das lonxas de Galiza tamén sofren as consecuencias do paro no sector do transporte, xa que apenas rexistran actividade. Non obstante, co incremento dende onte dos efectivos das forzas de seguridade do Estado, as grandes lonxas están a aumentar levemente a cantidade de produtos que poxan.
Os armadores e os mariñeiros seguen a manifestarse e a concentrarse para pedirlles aos Gobernos que tomen medidas contra a crise do sector. Onte xa se manifestaron fronte ao Parlamento en Santiago de Compostela. Hoxe é a quenda de Vigo, que acolle esta tarde unha manifestación polas rúas céntricas da cidade.