A Rede Galiza Non se Vende comezou a súa andaina en outubro do 2006, cando varias asociacións ecoloxistas e colectivos cidadáns galegos entraron en contacto. Daquel encontro naceu a Rede Litoral Vivo, con máis de corenta colectivos. Perante a necesidade de estender a rede para reclamar a xestión sustentábel e solidaria dos recursos naturais alén do mar, creouse a Rede Galiza non Se Vende. A plataforma vén sumarse ao resto das que operan no Estado.
O novo órgano inclúe máis de sesenta colectivos que fornecen unha visión de conxunto das agresións ao patrimonio natural galego. Xan Duro, coordinador xeral de Verdegaia, sinala que a plataforma está aberta a "calquera colectivo que asuma que o país vai mal polo que camiño que segue", pero advirte que nin partidos políticos nin sindicatos teñen cabida na entidade.
As rúas de Santiago acollen a Rede Galiza Non se Vende o domingo 17 de febreiro. Con saída dende a Alameda, percorrerá Doutor Teixeiro, o Hórreo, a Rúa do Vilar e rematará na praza da Quintana, onde Mabel Rivera e Séchu Sende lerán o manifesto. Segundo revela o colectivo Fusquenlla, "membros de Burla Negra teñen preparadas algunhas sorpresas para amenizar a marcha e darlle un aire festivo-reivindicativo". Membros da comisión de traballo prevén unha grande afluencia, xa que aseguraron a súa presenza un bo número de colectivos que mesmo alugaron autobuses para desprazarse. "Cremos que vai ser unha manifestación moi concorrida", apuntan.
"Urbanismo caótico, infraestruturas de transporte irracionais, piscifactorías, campos de golf, portos deportivos, encoros, parques eólicos indiscriminados...", cita o manifesto da Rede Galiza Non se Vende. Adela Figueroa sinala que nesta manifestación Adega "focaliza a urxencia de derrogar o Plano Acuícola". A urbanización descontrolada da costa, os portos deportivos, Reganosa, a minaría a ceo aberto, o transporte por estradas e autovías... A presidenta de Adega enumera os puntos contra os que se erixe a asociación. "Queremos recuperar a nosa riqueza, por iso reclamamos un modelo de desenvolvemento sustentábel que se faga efectivo", apunta. Figueroa amósase a prol dun urbanismo "concentrado, unha cidade non difusa". A presidenta de Adega fai un chamamento á poboación, "sen participación cidadá, non hai desenvolvemento sustentábel".
Pola súa banda, o coordinador xeral de Verdegaia, Xan Duro, sinala que un dos obxectivos da plataforma "é ofrecer unha panorámica do que hai, a rede é un altofalante no que loitan todos os colectivos".
A Rede Galiza Non se Vende revela que unha das causas do "caos" actual na xestión do litoral é o tecido de competencias que abrangue o Ministerio de Medio Ambiente e o de Fomento, as Consellarías de Pesca, de Industria, de Política Territorial e de Medio Ambiente e mesmo os concellos. Esta transversalidade podería estenderse alén da xestión do litoral, xa que tamén afecta aos demais casos.
O "Manifesto por un Litoral Vivo" cualifica de "escandaloso" o grao de incumprimento da lexislación de protección ambiental e do patrimonio. "De pouco servirá termos unha aplicación mellor se persiste o desleixo actual na súa aplicación, particularmente cando afecta ás propias Administracións e ás grandes empresas", engade o documento da plataforma.
Na páxina web de Salvemos Monteferro, un dos colectivos que pertencen á Rede Galiza Non se Vende, pódese ver que a convocatoria da manifestación tacha os grupos políticos de "silenciosos, cómplices e coautores da catástrofe". Tamén apunta que "todos eles préganse como nunca á avaricia dos grandes intereses económicos que subvencionan os seus partidos e subornan as ideas que din que representan".
Pola súa banda, Xan Duro acusa tanto a Administración como as grandes empresas de "dilapidar o patrimonio en base ao caos urbanístico". O coordinación xeral de Verdegaia sinala que a Administración "non fai nada, non pon freo á destrución". Duro apunta que se sente "defraudado" polas expectativas de mudanza da nova Xunta.
Adela Figueroa recoñece que a política ambiental da Xunta "ten luces e sombras". A presidenta de Adega lembra que o Goberno galego vén de lanzar unha liña de actuación en defensa dos ríos, "pero aínda detectamos moita contaminación". Tamén engade que a política agro-forestal "ten que ser máis eficaz". Figueroa sinala como grandes retos a política de residuos e a lei da paisaxe.
A Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible rexeitou pronunciarse sobre a manifestación, "nós non contestamos ás reivindicacións, pero respectámolas". Non obstante, a Consellaría deu a coñecer as liñas de actuación nas que traballa. Este ano construiranse 34 depuradoras, executaranse obras de abastecemento, así como o Plano de Control de Vertidos e a limpeza dos ríos. Unha das iniciativas estrela vai ser o programa "Parques para vivir". A consellaría tamén vai acometer proxectos de carácter educativo e ambiental. O Plano de Xestión de Residuos, o programa de control de calidade do aire, o da mellora ambiental e redución das emisións nas industrias e o plan de calidade ambiental son outros puntos nos que traballará a consellaría. A sostibilidade é un dos obxectivos prioritarios. Imprímelle un forte pulo ao Centro de Investigación e Información Ambiental de Galicia (Cinam) e conta cos programas de Acción contra o Cambio Climático, Educación para a Sostibilidade e a Avaliación Ambiental Estratéxica. A consellaría fomentará iniciativas ambientais municipais que teñan por obxecto a incorporación de espazos naturais ao patrimonio público e apoiará os colectivos e o asociacionismo ambiental.