Trinta e catro anos despois de ser asasinado a tiros pola policía franquista, a familia do militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras recibiu do Estado español o documento de "reparación e recoñecemento persoal", certificado que acredita a "persecución e violencia" á que Reboiras foi sometido na súa "defensa do movemento sindical e da súa militancia nacionalista".
"Que perdure nas novas xeracións o seu soño vermello, azul e branco". Estas foron as verbas que pronunciou o irmán de Moncho Reboiras, que agradeceu o recoñecemento. E é que o dirixente da Unión do Povo Galego (UPG) -partido integrado no BNG- segue a ser 34 anos despois do seu pasamento unha "guía azul e branca cunha estrela de cinco puntos na lonxanía, a bandeira da súa Patria".
O Delegado do Goberno español na Galiza, Antón Louro, en representación do ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, foi o encargado de facerlle entrega da Declaración de Reparación e recoñecemento persoal á familia de Reboiras, en cumprimento da Lei da Memoria Histórica. No seu discurso, o delegado do Executivo español asegurou que o recoñecemento é a "reafirmación de conviccións profundas asentadas na democracia e na liberdade que orientaron o compromiso de Moncho Reboiras".
Tras a entrega do certificado ao irmán de Moncho Reboiras, a escritora Saleta Goi, viúva de Manuel María, leu o poema homenaxe do poeta lucense ao líder da UPG. "Ti es a pedra mestra para edificar a nosa casa. Puideron segarche a vida, ¡ouh, Moncho, meu irmao!, asesinarte. O que eles non puideron, nin poderán endexamais, é arrincar, esmagar a semente que deixaches esparexida no corazón do pobo".
Como cada ano, a UPG celebrou o acto de homenaxe ao seu militante. Neste 34 aniversario, o avogado e defensor dos presos da UPG en 1975, Nemesio Barxa, recordou os feitos ocorridos o día do asasinato e asegurou que é un día de "alegría para a memoria de Moncho Reboiras e para o nacionalismo militante", porque con este recoñecemento "se nos recoñece a nós tamén".
Pola súa banda, o secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Xesús Seixo, explicou que o acto é tamén un modo de "render homenaxe a unha forma de facer política". Nun repaso polo sistema económico actual, Seixo destacou que entre o ano 1975 e o actual existen "similitudes". "Seguimos estando gobernados por unha dereita fortemente reaccionaria e antigalega", sentenciou. O nacionalismo debe "esixir e loitar por cambios no modelo económico", reivindicou.
No acto, celebrado en Ferrol tamén interveu o secretario xeral da UPG, Francisco Rodríguez, quen sinalou que este recoñecemento "non deixa de ser o froito da perseveranza e de non negarnos a nós mesmos". "Neste esforzo por recuperar a identidade estase recoñecendo unha práctica política", agregou Rodríguez nunha concentración na que á que se puxo punto final co canto do Himno de Galiza.
O soño vermello, azul e branco
Nado o 19 de xaneiro do 1950 en Imo, Dodro, no seo dunha familia popular, Reboiras medrou a cabalo entre o agro e o mar. En procura dunha mellor situación económica, e con tan só nove anos, marchou cos pais e o seu irmán a Vigo, a onde lle chegaron as noticias das loitas populares, como a de Castrelo de Miño, no 1965. A conciencia nacional e de clase ía crecendo cada día e no 1969 integrouse na UPG. En paralelo, estudou na Escola de Enxeñería Industrial de Vigo e comezou a súa vida laboral en Barreras, onde coñeceu de perto a realidade laboral e a explotación de clase. Polo seu compromiso coas mobilizacións Reboiras foi expulsado da empresa. A loita sindical de Moncho cristalizou na creación do Sindicato Obreiro Galego (SOG) no ano 1975, antecesor da CIG.
Daquela, tras decidir a UPG profundizar en formas de loita máis avanzadas, Reboiras participou da creación dun grupo operativo de acompañamento das loitas populares e da expropiación de material para dotar de infraestrutura o nacionalismo na altura, de cara a súa acción política, achegando medios necesarios dos que carecía o aparello de propaganda organización.
O réxime sabía das accións do grupo e na madrugada do 12 de agosto de 1975, máis de 300 axentes dos corpos represivos da ditadura franquista rodeaban o edificio no que se atopaba Moncho Reboiras, xunto a dous camaradas, na Rúa da Terra en Ferrol. Para deixar paso libre os seus dous camaradas, que finalmente lograron fuxir, Reboiras centrou nel a atención das forzas represivas. Ao pé do portal, o militante nacionalista era asasinado a tiros.
Moncho Reboiras fica na memoria dos nacionalistas como exemplo modélico de compromiso coa liberación nacional e social da Galiza.