Indica publicitat
Divendres, 10 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Dijous, 15 de de maig del 2008 | 16:51
Crònica · Galiza

Correlingua, alancadas a prol do galego


A oitava edición do Correlingua remata esta semana cuns rexistros de participación que van superar os 40.000 rapaces que prevía a organización. Cada ano, é maior o número de vilas que acollen as carreiras, "nesta edición contamos con Ribeira, Monforte e Verín, que nunca antes participaran", apunta Francisco Rei, responsábel de Zonas da Mesa pola Normalización Lingüística. "Que as carreiras se desenvolvan en máis lugares significa que o Correlingua se está a consolidar e que vai para adiante", engade. Ao aumento das vilas súmaselle o incremento do número de centros privados e concertados.

As carreiras, que se organizan en función das idades dos participantes, dispútanas os nenos de Educación Infantil, de Primaria e de Secundaria. Rei sinala que malia haber corredores moi cativos, "a participación é consciente e voluntaria". O responsábel nacional da Mocidade pola Normalización subliña o compromiso dos nenos que proceden de zonas galegofalantes, "senten a carreira como un revulsivo e como un reforzo para a lingua que falan e iso é importante para que vexan o galego como calquera outra lingua".

As actividades previas non son menos importantes que as carreiras que dinamizan o idioma. A escritura do manifesto, o deseño das pancartas que fomentan o emprego da lingua e máis a banda deseñada forman parte das tarefas coas que os escolares amosan que se pode vivir os 365 días do ano falando galego. No seu oitavo ano consecutivo, o Correlingua celébrase baixo o lema "En galego, cabe todo", en alusión ás memorias dos MP3 e dos I-pods, onde hai espazo para todo o que se faga en galego. Deste xeito, a organización transmítelles aos estudantes que a lingua pode estar presente en todas as actividades da vida cotiá.

Esta edición incorpora unha novidade, A polo ghit do Correlingua, no que participaron 51 grupos musicais. A banda Sínefres, de Boiro, resultou a elixida pola meirande parte do alumnado. "Nas vilas nas que actuou tivo unha acollida incríbel", asegura Rei. A presenza musical no Correlingua complétase coas actuacións do Xabarín Club e vai acompañada polos espectáculos teatrais do grupo Chévere, entre outros. O segundo número da revista Correlingua e un documental da TVG sobre as carreiras pechan as actividades que forman parte do Correlingua.

 

Quen organiza o Correlingua?

A Mesa pola Normalización Lingüística, que ten convocada unha manifestación a prol da lingua este domingo, 18 de maio, CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e os Concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo, coa colaboración de Vicepresidencia, Cultura, Innovación e Industria, Política Lingüística e a CRTVG, artellan as diferentes carreiras a prol da lingua. Co Correlingua a organización convida os estudantes a reivindicar o seu dereito a crecer en galego.

 

Día 18, manifestación a prol do galego

A oitava edición do Correlingua finaliza a semana na que se celebra a manifestación "Polo dereito  a vivirmos en galego". A Mesa anima os rapaces e a toda a sociedade a participar na manifestación do vindeiro domingo en Santiago. A cita é ás 12 da mañá do día 18 na Alameda de Compostela. A Mesa pon a disposición dos que queiran asistir autobuses de balde dende distintos puntos de Galiza.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat