A presentación das conclusións do programa piloto do departamento de Saúde da Generalitat, o primeiro promovido por unha Administración pública como resposta á demanda social a prol do uso da marihuana medicinal, reavivou a polémica sobre o uso do cánabo con fins terapéuticos. A eficacia do estudo favoreceu que as mulleres con cancro de mama en tratamento de quimioterapia que non respondan aos medicamentos contra os vómitos e as náuseas poidan ter acceso ao Sativex, fármaco derivado do cánabo que só está autorizado en Canadá.
A Consellaría de Sanidade, que non fica á marxe do debate, vén de anunciar que o Hospital Clínico de Santiago comezará a experimentar en breve con derivados do cannabis en pacientes con esclerose múltiple. Fontes do Sergas apuntan que o ensaio clínico xa conta co informe positivo da Administración, “só falta que se reúna o comité para dar o visto bo formalmente”. O neurólogo Xosé María Prieto, o encargado da administración do fármaco e do seguimento dos pacientes, explica que os derivados do cánabo aplicaranse en forma de spray por vía oral para tratar de mellorar a espasticidade dos enfermos de esclerose múltiple. Prieto sinala que o tratamento non ten máis efectos secundarios que outros medicamentos, “todos os fármacos os teñen, pero neste caso compensa o beneficio que aporta porque é ben tolerado e por vía oral redúcense os efectos secundarios que poidan darse”. En doses altas, os derivados da marihuana poden causar perdas de memoria ou dificultade para concentrarse, pero asegura que as doses “están moi ben calculadas e non existe risco de que se cree dependencia”.
O doutor Prieto, que espera que se siga traballando cos derivados do cánabo noutras enfermidades, asegura que o consumo de marihuana é claramente prexudicial, sobre todo, a longo prazo. “O tratamento co que vamos traballar non consiste en fumar porros, nós usamos dous compoñentes do cánabo con propiedades terapéuticas”, apunta o neurólogo. Prieto asevera, “a marihuana como tal non se pode utilizar para aliviar ningunha enfermidade”. “O efecto pracenteiro que pode ocasionar non se pode xustificar á hora de consumir cannabis”, conclúe.
O mercado das sementes
Moitos dos enfermos que queren consumir a marihuana como terapia alternativa recorren ao mercado ilegal, cos riscos que supón. Outros optan pola vía do cultivo das sementes, que tamén é ilegal. Maruxa Docobo traballa no Caldeiro Máxico, unha tenda que vende sementes de marihuana que proceden de Holanda. Segundo explica, a lei permite vender sementes só para o uso dos coleccionistas porque non conteñen os principios activos que ten a planta. “Os clientes están ben informados e saben que plantar as sementes é ilegal, ademais nós nunca facemos apoloxía do uso nin do consumo da marihuana”. Non obstante, hai quen compra as sementes para plantar tanto para uso lúdico como para uso medicinal, co fin de atallar as dores derivadas da esclerose múltiple, os vómitos que causa a quimioterapia ou para tratar enfermidades nerviosas e anorexia.
Docobo sinala dúas grandes tipoloxías de sementes, “as relaxantes, que son as que normalmente usan os enfermos, e as psicoactivas”. Para plantar a marihuana, cuxo prezo oscila entre os 22 até os 190 euros, basta con botar terra sobre as sementes, regalas e aboalas. Febreiro, marzo e abril son os meses idóneos para plantar, en xullo botan a flor e a colleita ten lugar en setembro e en outubro. Segundo Docobo, o xeito de consumir polo que opta a meirande parte da xente é fumando. Os que prefiren non facelo poden optar pola vía da evaporación, “teñen que comprar un vaporizador, que custa entre os 40 e os 400 euros, e respiran o vapor que solta a planta”. “Outro método consiste en picar a marihuana, metela en cápsulas e tomala como unha pílula”, explica. Non obstante, a carencia de control médico e a variabilidade bos principios activos da planta fan moi difícil un control que permita unha dosificación xusta.