Dúas manifestacións percorrerán as rúas compostelás para celebrar o Día da Patria. Como colofón aos actos políticos que os nacionalistas veñen organizando dende primeiros de mes, ás doce da mañá partirá a marcha do BNG dende a Alameda até a Quintana. Baixo o lema 'Cremos no noso país', os nacionalistas pretenden darlle abeiro á manifestación "máis grande da historia do nacionalismo galego".
Co fin de dotar a xornada dun carácter "máis festivo e participativo" e para "romper coa rutina de anos anteriores", O BNG introduce cambios na organización e mesmo no percorrido. Por vez primeira, a marcha do BNG dividirase ao chegar á zona vella, pola Rúa Nova e o pola Rúa do Vilar até finalizar na Quintana. Á pantalla xigante que o BNG instalará en Praterías, súmanse os milleiros de estrelas de cinco puntas co himno nacional impreso.
A segunda das manifestacións, convocada por Causa Galiza, partirá ás 13.30 horas da Alameda e rematará na Praza do Toural. As distintas organizacións que se adhiren á marcha reivindicarán o dereito de autodeterminación. Baixo o lema "soberanía nacional", a marcha organizada concluirá coa lectura de manifestos nos que se destacará a necesidade de "recuperar reivindicacións históricas, como é o caso do dereito de autonomía". Con esta mobilización, Causa Galiza pretende "facerlle ver aos galegos" que "o xeito de enfrontarse á crise económica e a política actual é con accións concretas como a autodeterminación".
Ofrendas florais do PSdeG e do PPdeG
A partir das 13 horas, o PSdeG celebrará o 25 de xullo coa tradicional ofrenda floral diante do busto de Castelao en Rianxo. Pola súa banda, o PPdeG decántase pola mañá do 24 de xullo para facer unha ofrenda floral en Santo Domingo de Bonaval.
75 anos do Galeuscat
O 26 de xullo, Santiago acollerá representantes da cultura, da sociedade e da política co gallo do 75 aniversario da Declaración de Compostela, que se celebrou o 25 de xullo do 1993 para unir os nacionalistas galegos, vascos e cataláns baixo o nome de Galeuscat.
Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Congreso, adiantou que asistirán ao acto o líder do BNG, Anxo Quintana, o presidente de CiU, Artus Mas, e o presidente do PNV, Íñigo Urkullu, entre outros cargos políticos e institucionais. Segundo Jorquera, "os representantes dos tres partidos ofrecerán unha análise conxunta da situación política actual".
O fío central do discurso será a lingua. "Daremos resposta a toda a ofensiva que se está a desenvolver contra as linguas oficiais do Estado", sinala. "A política de normalización, o plurilingüismo e a discriminación respecto ao castelán" serán os eixos que artellarán as intervencións.