Que o PPdeG recuperase a Xunta non supuxo a diminución das distancias entre o chamado "sector da boina", os galeguistas, e os do birrete ou "xenoveses", que seguen os ditados de Madrid. A lingua motiva agora as principais diferenzas entre os dous sectores.
E é que a "liberdade lingüística" que propugna Alberte Núñez Feixóo non satisfai a corrente galeguista do PPdeG, que nos últimos meses está a perder o 'G', o seu selo que marca a diferenza co PP estatal. Os do birrete aplauden a política lingüística do PPdeG como síntoma de españolismo e como a clave que lle deu a Feixóo a entrada á Xunta, tese que os galeguistas non comparten.
Mesmo houbo quen mantivo un forte pulso cos deputados que, seguindo a liña de Xénova, formularon falar en castelán no Parlamento galego. Na última semana, saltou aos medios de comunicación que alcaldes ourensáns molestos con Alberte Núñez Feixóo polo reparto de poder e polas "humillacións" a Xosé Luís Baltar, presidente do PP de Ourense e un dos máximos expoñentes do sector galeguista, asinaron un escrito no que supostamente insinúan que se pode desatar un conflito no partido "coas consecuencias políticas que correspondan".
Segundo desvelou El País, un explosivo manifesto acusa o presidente a Xunta de "humillar" a Xosé Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense e líder deste sector. Mesmo se amaga coa posibilidade dunha ruptura que poría en perigo a maioría conservadora no Parlamento. A misiva, de tres folios, reclámalle a Feixóo "un cambio da súa actitude respecto de Ourense e do seu presidente, corrixindo eses desplantes e atendendo a voz de Ourense, única, e que pronuncia, en nome de todos, Xosé Luís Baltar".
De non atender esta petición, Feixóo enfróntanse cunha ameaza velada de escisión. "O que temos que facer (...) non será outra cousa que seguir as indicacións e os criterios de quen nos representa como ninguén, coas consecuencias políticas e sociais que correspondan", advirten os alcaldes. Cómpre lembrar que a maioría do PPdeG no Parlamento é por un só deputado. Por iso, calquera abstención dos parlamentarios próximos a Baltar poría en perigo a estabilidade da Xunta. O "baltarismo" xa utilizou esta estratexia, amagar cunha ruptura do grupo parlamentario, durante un novo reparto de poder na Xunta tras a crise de Prestige.
Baltar recoñece a existencia da carta Nunha entrevista concedida á Cadena Cope, Baltar xustificou a carta dirixida ao presidente do PP galego, Alberte Núñez Feijóo. Con todo, recoñeceu que o documento evidencia as discrepancias do PP ourensán sobre "diversas posturas" adoptadas pola dirección galega do partido. Segundo revelou Baltar na entrevista, a misiva pretendía recoller as firmas de 40 ou 50 alcaldes para negociar coa dirección chegado o momento "e non ter que ir os 50 alí, senón só dous ou tres e dicir que esa postura a apoian señores que temos aquí".
"Estanse facendo unhas cousas", dixo, "e nós pensamos que deberían facerse doutro xeito". Baltar declarou que coa carta, o "sector da boina" pretendía poñer sobre a mesa "un debate interno para o mellor funcionamento do partido e das institucións". O obxectivo do documento era, segundo sinalou na entrevista, "non estar calados a ver se se pode corrixir algo". Pola outra banda, apuntou que existía un "compromiso interno" para non facer público o "debate interno" e recoñeceu que a filtración "faille un dano tremendo ao partido".
Feixóo non o admite
Malia as declaracións de Baltar, o presidente da Xunta e do PPdeG, Feixóo, asegurou que "non hai ningún problema" co sector do PP ourensán e asegurou que non recibiu "ningunha carta" nin queixas de alcaldes e dirixentes comarcais respecto ás decisións do Goberno autonómico. Nos próximos meses, o PP de Ourense debe organizar un congreso provincial no que, en teoría, Baltar debera abandonar o cargo, circunstancia que el mesmo ten confirmado.
A intención de Feixóo e Alfonso Rueda, o número dous do PPdeG, é culminar así, coa marcha do último histórico barón provincial, a renovación do partido. Dende a súa chegada ao liderado do PPdeG o sector máis galeguista está en retirada mentres continúa o ascenso do sector máis urbano e, nalgúns casos, próximo á Igrexa e ao Opus Dei.