Indica publicitat
Dimecres, 8 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 20 de d'agost del 2010 | 13:44
Crònica · Galiza

O Estatuto do 36, no Día da Galiza Mártir

O 17 de agosto de 1936, o político Alexandre Bóveda morría fusilado polos franquistas no monte da Caeira (Poio). Foi el quen introduciu o nacionalismo no Partido Galeguista e foi quen sostivo a tese de que Galiza é unha nación e por tanto ten dereito a súa autodeterminación. por iso que cada 17 de agosto Galiza lembra este mártir galego que loitou pola defensa da liberdade e dos seus ideais. Con Castelao na Arxentina, no 1949 recuperouse a figura de Alexandre Bóveda para celebrar o Día dos Mártires Galegos, mais xa en plena guerra pululaba a lenda do galeguista para levantar a moral dos combatentes. E até hoxe, os galegos e galegas seguimos honrando o denominado "mártir máximo da Patria galega" cada 17 de agosto.

Así, o pasado martes celebráronse diversos actos cívicos, institucionais e políticos en honor a Bóveda. Este ano, o Día da Galiza Mártir estivo especialmente dedicado a aqueles mozos que loitaron polo Estatuto de Autonomía plebiscitado hai 74 anos e que aspiraba a un goberno propio na Galiza. O V premio Día da Galiza Mártir á recuperación da Memoria Histórica recaeu en Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo, Xaime Illa Couto e Francisco Fernández del Riego. O recoñecemento que outorga a Fundación Alexandre Bóveda destacou que os premiados "foron testemuña viva do acontecido" e lembrou que "dedicaron os seus esforzos a conservar e a legar a historia dun avance cualitativo do recoñecemento dos dereitos de Galiza ao autogoberno, un proceso freado de xeito salvaxe polo golpe militar franquista do 1936. Eles foron o referente da recuperación da memoria histórica como fonte de información de primeira man, animadores de proxectos editoriais, culturais e políticos que serviron para divulgar feitos e nomes que ficaron silenciados pola represión franquista".

Antes da entrega do galardón, a conmemoración do fusilamento do histórico galeguista comezou coa tradicional ofrenda floral na Caeira, na que participaron o alcalde de Poio, o nacionalista Luciano Sobral, o vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda e fillo do homenaxeado, Xosé Luís Bóveda, e Amalia Bóveda, en presentación da familia.

Outro dos actos tivo lugar a ofrenda cívica diante do sartego do galeguista en Pontevedra, onde o intelectual e ex eurodeputado do BNG Camilo Nogueira repasou a historia do nacionalismo desde o século XIX até Bóveda, así como a negación da nación galega por parte do Estado, reflexo da cal foi a condena a morte do homenaxeado.

Por último, o BNG celebrou tradicional acto político en recoñecemento a Bóveda nunha céntrica rúa de Pontevedra, onde interviñeron o alcalde da cidade, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, e a secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, que insistiron na necesidade de non esquecer a figura de Bóveda e da súa importancia para o pensamento nacionalista galego.

A lembranza do dirixente galeguista tamén foi recoñecida un día antes polo Concello da Coruña nun acto no que participou por vez primeira a Real Academia Galega.

O ano que vén, o Día da Galiza Mártir recobrará unha especial relevancia, ao cumprírense 75 anos do asasinato de Bóveda baixo os fusís dos golpistas. O referente galeguista era asasinado tras pasar por un xuízo no que reivindicou Galiza como a súa patria natural e no que pediu ser enterrado baixo a bandeira propia do país.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat