Malia que se comprometeran a apoiar as oposicións, os membros elixidos polo PP no Consello de Administración ausentáronse para escenificar o seu rexeitamento á orde do día da reunión. Con esta xa son tres as veces que o PP bloquea nun mesmo mes a primeira convocatoria de oposicións na CRTVG dende o ano 1992.
Na actualidade, na CRTVG traballan 550 empregados fixos e outros 370 eventuais. Esta eventualidade afecta a catro de cada dez traballadores. De aí que a compañía e os sindicatos presentes no comité de empresa pactasen a oferta pública e un procedemento de acceso. Non obstante, para que as oposicións poidan ser convocadas precísase a aprobación por maioría de dous terzos no Consello de Administración da empresa, onde os populares contan con seis representantes, o PsdeG con catro e o BNG con outros dous, máis o voto de Benigno Sánchez, director xeral.
Aínda que a pasada semana os conselleiros do PP se comprometeron a desbloquear o proceso, os representantes populares non asistiron á reunión, que non puido ser celebrada por falta de quórum. A actitude do PpdeG provocou as críticas dos socialistas e nacionalistas, así como dos representantes sindicais, que coincidiron en vincular a ausencia dos populares cunha "estratexia política" da dirección do grupo político. Tanto o PsdeG como o BNG acusaron os populares de fomentar a precariedade laboral. Pola súa banda, os representantes dos sindicatos anunciaron mobilizacións para protestar polo bloqueo da OPE, oferta pública de emprego.
O bloqueo afecta, sobre todo, os traballadores con contrato por obra, que finaliza antes de finais de ano. Isto significa que non poderán ser renovados debido á nova lexislación laboral. Este é un dos principais motivos polos que os representantes sindicais criticaron o PP por "importarlles moi pouco" a situación laboral dos afectados e por "estaren máis preocupados en meter os seus e de alongar o proceso sen ningún tipo de explicación".
Os conselleiros socialistas e nacionalistas da CRTVG criticaron "a decisión irresponsábel do PP". A nacionalista María Xosé Bravo acusou a dirección do PPdeG de levar a cabo unha "inxerencia política intolerábel no funcionamento interno da compañía". Os socialistas apuntan que o PP emprega "argucias de todo tipo para complicar ou dilatar o proceso, pero non é quen de xustificar a súa abstención". Dende o Comité de Intercentros da CRTVG apuntaron que "co actual horizonte, o que máis urxe é atopar unha saída para os vinte contratados que rematan contrato a finais deste ano e que, afectados pola nova Lei laboral, marcharan ás listas do paro".
Pola súa banda, os populares sinalaron que a súa postura débese a que se incumprira o pacto sobre a orde do día e reclaman que a dirección do ente convoque un novo Consello "en condicións". Os populares pretenden que a orde do día só inclúa o punto para modificar o cadro de persoal, e non entre nas características da convocatoria.
Boicot a un acto do PP
Debido ao bloqueo das oposicións, o comité de empresa da radio e da televisión pública galega boicoteou un dos actos de conmemoración do himno galego, que vén de cumprir o seu centenario. Entre berros de "Non á precariedade", "Queremos as prazas dá TVG" ou "Non ao bloqueo do PP" unha representación de traballadores da CRTVG irrompeu na alameda compostelá mentres se celebraba o acto do PP.
Durante a súa intervención, o presidente do PP de Ourense, Xosé Luís Baltar, amosouse exaltado e respecto ao acontecido afirmou, "así estamos neste país". Pola súa banda, Alberte Núñez Feixóo, líder dos populares en Galiza, asegurou que o PPdeG só busca que as oposicións sexan "limpas" e que dean garantías para que "os mellores poidan aprobar as probas".