Indica publicitat
Divendres, 10 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Dijous, 22 de de maig del 2008 | 18:09
Crònica · Galiza

O día no que se reivindicou vivir en galego


Pancartas, consignas, gaitas, piruletas azuis, máscaras coa boca tapada pola bandeira do Estado español... todo servía para berrar o dereito de vivir en galego. Malia a chuvia que emanaba un ceo que non lle deu tregua á manifestación a prol da lingua, milleiros de persoas ateigaron o pasado domingo as rúas compostelás.
O 18 de maio lembrarase como un día festivo-reivindicativo no que máis de 20.000 persoas segundo a organización e 12.000 segundo a policía local expresaron as dificultades que está a padecer a comunidade galegofalante para expresarse libremente. Á manifestación, convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística baixo o lema "Polo dereito a vivirmos en galego", asistiu a plana maior do BNG, con Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta, á cabeza. Pola contra, malia que participaron os alcaldes do PSOE das principais cidades, a parte socialista do Goberno non asistiu, ao igual que os populares.


Quintana quixo salientar que o acto non era unha manifestación dos galegofalantes contra os castelanofalantes, senón, "unha marcha dos que lle queremos ben ao galego, que pretendemos lanzar un berro de sedución a todos os galegos, especialmente aos que non utilizan aínda a nosa lingua, para que se sumen a esta petición". O nacionalista tamén apuntou que a imposición do galego da que falan algúns colectivos "é sinxelamente unha mentira".

A marcha, precedida por un bo número de crianzas, centrou o seu discurso nos problemas dos galegos á hora de falar na súa lingua en todos os ámbitos da vida cotiá. Porén, leron parte do manifesto persoas que se viron acosadas ou aldraxadas por falar galego. Ana López Suevos é xuíza e emitiu en galego a sentenza dun xuízo contra a COPE. Os avogados da emisora referíronse á sentenza escrita pola xuíz deste xeito, "non sabemos se está escrito nunha lingua cooficial ou nun dialecto inintelixíbel". López Suevos abriu a lectura do manifesto lembrando que o galego "é o único idioma natural de Galiza e mesmo o Estatuto o cualifica como lingua propia do país". Á xuíza seguiuna Ignacio Vilar, director do filme Pradolongo, rodado integramente en galego e que recibiu a negativa de varias salas de cinema para proxectar a fita na lingua orixinal. Xesús da Torre, que non foi contratado nun hotel por ter o nome galeguizado e por falar galego, tamén leu o discurso, ao igual que Eduardo Álvarez, que foi denunciado por reclamarlle á Xustiza poder expresarse en galego.

Pola súa banda, Carlos Callón, presidente da Mesa, falou de "bilingüismo dunha soa cara" e de que "dende que nos erguemos até que nos deitamos non podemos vivir en galego". Callón lembrou que ningunha universidade chega a máis do 20 por cento das clases en galego, que moitas carreiras rexéitano ao cento por cento ou que non chegan ao oito por cento as actuacións orais e escritas en galego nos procedementos xudiciais. O presidente da Mesa aludiu ao ensino, aos medios de comunicación, á Administración e a outros eidos nos que se aprecia un trato desfavorábel coa nosa lingua.

Un día despois da celebración que congregou milleiros de persoas a prol do galego, a Mesa reclamoulle ás Administracións "que escoiten a voz destas 500 entidades e das miles de persoas" que piden o dereito a vivir en galego.

Logo do "contundente éxito" da manifestación, a Mesa pola Normalización Lingüística pediulle á Administración que se faga eco dos milleiros de persoas que saíron a rúa para reclamar que sexa posíbel vivir en galego. En concreto, a Mesa reclamoulle a Emilio Pérez Touriño que active o departamento de Política Lingüística, ao que acusou de "realizar unha política consciente de mantemento de diglosia e contra a extensión do galego aos diferentes ámbitos da vida social".

Nunha entrevista dun programa da TVG Carlos Callón responsabilizou o presidente da Xunta da parálise que vive Política Lingüística e mesmo de que o decreto do galego se vulnera na meirande parte dos centros educativos do país. Ademais, apuntou que a estrea de Indiana Jones non se poderá ver en galego, cando en Catalunya poderán vela en catalán, "porque desde a Presidencia da Xunta non levantou o teléfono para falar coa distribuidora, Paramount, que estaría disposta a dobrar este filme ao noso idioma". Callón tamén agradeceu os respaldos que recibiu a manifestación e animou os galegos a incorporárense á Mesa.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat