A Vicepresidencia da Xunta vén de levar ao Tribunal Constitucional o conflito de competencias co Estado sobre quen ten a capacidade para autorizar parques eólicos no mar. A Xunta considera que dende Madrid invádense as competencias de Galiza por mor do real decreto 1028/2007, que establece o procedemento administrativo para tramitar as solicitudes de autorización de xeración eléctrica no mar territorial. Segundo o vicepresidente Anxo Quintana, "é competencia da Xunta de Galicia a concesión de parques eólicos". O nacionalista, considera que teñen que ser os galegos os que decidan si se poden construír ou non os parques que se pretendan erixir na costa galega e non os dende Madrid "a mil quilómetros de distancia".
Quintana apunta que "non podemos permitir que dende Madrid se decida o que se fai na nosa costa, a costa que afecta aos galegos e ás galegas e o mar que é o medio de vida de milleiros de galegos e galegas". Vicepresidencia tamén lembra que a instalación dun parque eólico no mar pode prexudicar o turismo.
O conflito sobre as competencias dos parques eólicos mariños comezou oficialmente en setembro, cando a Consellaría de Innovación e Industria, a través da Vicepresidencia da Xunta na súa área de Relacións Institucionais, presentou un requirimento de incompetencia do Estado sobre o asunto, co apoio do Consello da Xunta. Non obstante, o Consello de Ministros rexeitouno a finais do pasado mes. O Executivo insistiu en denunciar a "invasión de competencias por parte do Estado" con argumentos que "non teñen apoio na xurisprudencia" do Constitucional. Tanto a Constitución como o Estatuto de Autonomía establecen un réxime de distribución de competencias na autorización de instalacións eólicas que se estenderá ao espazo marítimo, e non hai limitación algunha de competencias ao ámbito terrestre.
A Xunta e o Parlamento opóñense á instalación dos aeroxeradores no mar, ao igual que as asociacións ecolóxicas. Tanto socialistas como nacionalistas reclaman o poder de veto sobre as instalacións porque consideran que a orografía da costa e a súa riqueza contraindican o desenvolvemento destas infraestruturas. Non obstante, o novo decreto permítelles ás autonomías afectadas presentar alegacións, pero non lles recoñece a capacidade de veto. A construción dun parque eólico no litoral de Galiza afectaría negativamente ás especies mariñas. Á marxe destas posturas, o Ministerio de Industria xa sinalou tres posíbeis zonas de estudo para a posíbel construción de parques eólicos. A costa luguesa e as franxas mariñas entre Cedeira e Laxe e entre Fisterra e a Pobra do Caramiñal. Quintana entende que o Goberno de Zapatero "está nunha perspectiva recentralizadora preocupante". O nacionalista xa advertiu, "non imos permitir que Madrid volva aos peores tempos nos que consideraba que todo o podía decidir e facer".
Pola súa banda, o PP manifestou que a Xunta chega "tarde e mal" ao recorrer nestes momentos ao Constitucional. Segundo os populares, o que o Goberno galego tería que ter recorrido é a lei do sector eléctrico. Manuel Ruiz Rivas apuntou que as competencias de Galiza non estaban a ser respectadas o pasado verán, cando se modificou a lei do sector eléctrico.
O Ministerio de Industria amósase firme sobre a validez xurídica do decreto. "Esas instalacións son para o mar territorial, que é competencia nosa e ademais trátase de parques de máis de cincuenta megavatios", apuntan dende o departamento. Segundo Industria, "a normativa deixa ben claro que estas instalacións son autorizadas por Madrid porque a lei do sector eléctrico obriga a vender esa enerxía no mercado".
A Vicepresidencia da Xunta levou en dúas ocasións o Goberno de Madrid perante o Tribunal Constitucional. Unha das veces foi por mor da normativa que regula a formación profesional e a outra tivo lugar polo marco legal que establece as subvencións para programas de cooperación con cargo á asignación orzamentaria do IRPF. Pola súa banda, o Goberno de Zapatero acudiu ao Constitucional para impugnar a lei de Dereito Civil en Galiza. Tamén estivo a piques de recorrer ao Constitucional a normativa galega sobre horarios comerciais, xa que consideraban que vulneraba a lexislación estatal básica.