Cada ano, estudantes de fóra engrosan a listaxe das Universidades galegas durante un período de tempo que vai dende os tres aos doce meses. Os obxectivos pasan pola mellora da calidade da ensinanza superior, pola cooperación transnacional e polo enriquecemento da experiencia persoal do estudante. Pero a súa presenza está a provocar tamén un resultado imprevisto: a castelanización dalgunhas das clases e actividades que se impartían en galego
A ilusión e a incerteza xermolan nas mentes dos estudantes antes de recalar no seu novo destino, un lugar que, na maior parte dos casos, descoñecen. Enfrontarse a un novo curso fóra do país de orixe é un reto que non todos están dispostos a pasar. Dende a Universidade de destino e dende o centro de estudos do país de orixe facilítanselle todo tipo de recursos para aprender o idioma, para acceder a unha vivenda e para relacionarse con estudantes que saen dunha mesma Universidade.
Os estudantes erasmus, que chegan de distintos países europeos, consideran o idioma como o factor máis atractivo da súa experiencia. Non obstante, chegan a Galiza con azos de aprender español. E é que moitos nin sequera coñecían antes a existencia do noso país. Rita Matos é unha estudante portuguesa que estuda na Universidade de Santiago de Compostela. No seu caso, non lle especificaron que na USC a lingua oficial é o galego, "sabía que en Galiza se falaba galego porque en Portugal teño unha profesora de Galiza, pero a min non me dixeron que na Universidade a maior parte das clases se impartían en galego". Algúns compañeiros de Rita crían que a lingua galega era un dialecto, que non era oficial. Os estudantes estranxeiros quéixanse da escasa información que lles ofrecen os responsábeis das Universidades dos países de orixe, "non nos explicaron que se falaban dúas linguas", apuntan.
Pola súa banda, Enrique López Veloso, xefe da Oficina de Relacións Externas da USC, sostén que tanto os erasmus como os séneca saben da existencia do galego como lingua oficial da universidade compostelá. Ademais, Veloso apunta que os estudantes de fóra de Galiza coñecen que parte das clases son impartidas no idioma, motivo polo que a Oficina de Relacións Externas da USC recibe un gran número de queixas.
Para facer máis doada a estanza dos estudantes estranxeiros na Galiza, a USC ofrece cursos de castelán e galego. Non obstante, os erasmus decántanse polo estudo do español. Algúns, como Rita Matos, non saben da existencia dos cursos organizados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística nin os da USC, que dispoñen de tres niveis. "As miñas compañeiras e mais eu estudamos español na facultade de Filoloxía, onde nos imparten cursos polos que obtemos un diploma, pero que nós saibamos para estudar galego temos que pagar, non como no caso do español", afirma a estudante portuguesa. Os estudantes que elixiron como destino as Universidades de Vigo e da Coruña tamén teñen a posibilidade de estudar galego.
Os estranxeiros láianse de que as clases non sexan en castelán, porque lles resulta máis doado, "fixemos a proba do idioma para o español, non para o galego", afirman. Non son poucas as veces que no medio dunha clase un estudante erasmus ergue a man para pedirlle ao profesor que empregue o castelán.
Os séneca, que proceden de diversas rexións do Estado español, saben de antemán que o galego é unha lingua oficial. Non obstante, tratan de implantar o español, non tanto nas clases como nas actividades prácticas. Aluden a que eles non coñecen o galego, pero que