Unha marea de mil cores, entre a que destacaba o violeta, percorreu as principais rúas de Vigo o pasado domingo baixo o lema "Marcha con nós para cambiar o mundo". Cánticos contra o patriarcado, contra a violencia de xénero, contra o capitalismo e contra a penalización do aborto xurdían entre varios milleiros de persoas, mulleres e homes, que tamén clamaban pola soberanía alimentaria.
Precisamente, o dereito dos pobos a definir as súas propias políticas agrarias e alimentarias de acordo co desenvolvemento sostíbel e coa seguridade alimentaria centrou o VII Encontro da rede feminista máis estendida do mundo, a Marcha Mundial das Mulleres, que desta vez se celebrou na Galiza e que culminou, despois de numerosas xornadas de debate, nunha manifestación pola cidade olívica.
A marcha comezaba cunha creación composta por sandalias e pedras dos cinco continentes que simbolizaban o camiño que as mulleres perseguen en defensa dos seus dereitos e dun mundo mellor. Pechábase coa intervención de Tareixa Otero, representante da Galiza, de Caridad Ynares, das Filipinas, e de Nana Aicha Cissé, de Malí, que coas súas verbas lles transmitiron ás asistentes a esencia da Marcha Mundial das Mulleres, cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres, cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo.
Na manifestación participaron numerosos representantes políticos, a maioría do BNG. Non se vía rastro de políticos do PP e apenas había unha ou dúas representantes do PSOE. Entre os nacionalistas atopábanse o vicepresidente da Xunta e portavoz nacional, Anxo Quintana, que en declaracións aos medios ao comezo do acto apuntaba que "a loita pola igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres é unha das máis dignas que hai", e recordou que "un país que quere ter futuro non pode desperdiciar ao 50 por cento do seu capital humano, que son as mulleres". Así mesmo, o líder nacionalista proclamou que é "un orgullo" que Galiza estea "na vangarda da loita pola igualdade de dereitos", e que sexa sede, unha vez máis, dun encontro da Marcha Mundial das Mulleres. "A súa loita é boa, non só para as mulleres, senón tamén para o conxunto da sociedade", engadiu.Atrás quedaban as xornadas de debate das que emanaron varios documentos, entre os que destaca o Informe de Europa, centrado na crise financeira, e a presentación dun libro que conmemora o décimo aniversario desta rede. A traxectoria do feminismo na Galiza, a violencia machista, a loita antisistema, a paz, a desmilitarización e as novas liñas de acción das mulleres foron analizadas polas participantes do encontro.