A tan só dous días para a celebración das eleccións galegas, os candidatos afánanse en pedir o voto na recta final da campaña, na que se intensificaron as acusacións. Arestora nada está decidido e ante os inquéritos que lle outorgaban ao BNG dous escanos en detrimento do PPdeG, os populares iniciaron unha dura ofensiva contra os nacionalistas na que até tomou parte o PSdeG, que considera que o PP fai unha "campaña sucia".
Nos últimos días, o PPdeG emprendeu un duro ataque contra o BNG no que todo lle valeu. Desde un accidente inventado do líder nacionalista Anxo Quintana para impedir que acudise a un acto con mozas e mozos creadores, até acusacións de "roubo de terras". Ao igual que acontecía ao redor do 1936, os conservadores recorreron ao temor que lle infundían a sociedade cando lles advertían aos cidadáns que os comunistas lles ían apropiar as terras. E é que o PP, a través de panfletos anónimos repartidos por militantes, di que o bipartito vai expropiar fincas e casas. O deputado provincial do BNG, Alfonso Grande, xa presentou unha denuncia por difamación contra responsábeis populares de Celanova polo reparto de libelos sen sinatura que aseguran que PSOE e PP "queren expropiar terras e casas". O BNG entende que os panfletos anónimos "poderían constituír un delito electoral polo seu contido difamatorio".
"Queres quedar sen as túas fincas? Se goberna o BNG e o PSOE pódenche quitar as túas terras e darllas a outros coa escusa de que non as traballas. Non podes vender e mercar as túas terras libremente. O PSOE e o BNG queren quedar coas túas terras. O 1 de marzo din non ao bipartito", reza a papeleta. Aínda que menciona os socialistas, o documento ataca directamente o BNG, ao referirse ao Banco de Terras, unha medida tomada pola Consellaría do Medio Rural (dirixida polo nacionalista Alfredo Suárez Canal) que arrenda fincas agrarias abandonadas ou improdutivas. Trátase dun banco público no que calquera persoa pode inscribir as súas fincas para permitir que sexan alugadas por períodos máximos de cinco anos.
Outro panfleto alude tamén á Lei de Vivenda e advirte de que a casa "poden expropiarcha para darlla a unha persoa se te ausentas un tempo. Se goberna o BNG e o PSOE non te poderás mover da casa sen traballar fóra".
A ofensiva contra o BNG non só fica no papel dos libelos do PP e dalgúns medios de comunicación. Fóra das cámaras, os populares defenden unha campaña sen insultos nos actos televisados, o PP emprega toda unha retórica de insidias persoais cara aos seus opoñentes. O líder popular Alberte Núñez Feixóo non se atreveu a acudir ao debate electoral co socialista Emilio Pérez Touriño e co nacionalista Anxo Quintana, pero é quen de difamar persoalmente e de mentir contra a oposición nunha sucia campaña.
Outra das liñas de actuación do PP centrouse nun acto de Oia no que o BNG se viu enrolado. Feixóo pediu a dimisión de Quintana e acusouno de "secuestrar" xente da terceira idade que descoñecía que ía cara a un acto no que ía estar o nacionalista. "Non houbo ningún acto organizado nin polo BNG nin pola Vicepresidencia", respondía Quintana. De todos os xeitos, o nacionalista pedíalles "desculpas" aos que se puideron sentir incomodados no marco dunha excursión que fora organizada por entidades da terceira idade. Quintana animaba a estas asociacións a pedir perdón polo seu "erro" ao non informar os participantes de que habería un encontro co dirixente nacionalista. Malia que algúns medios contrarios ao BNG aseguraron que gran parte das persoas que acudían á "excursión" non sabían do feito, foron poucos os que realmente descoñecían que ían contar coa presenza de Quintana.
Nos últimos días, un diario dixital de dereitas, tamén atacaba o BNG ao publicar unha fotografía do portavoz nacional do BNG xunto a un empresario galego ao que a Xunta lle adxudicou megawatios do concurso eólico de hai catro anos. O periódico tentaba facer ver que ese encontro se producira hai uns meses para danar a imaxe pública do candidato do BNG. "Queren destruír incluso as persoas, chegando aos peores extremos da difamación persoal", apuntaba Quintana. "Os ricos e poderosos que quixeron gobernar sen presentarse ás eleccións agora atacan o BNG, que gobernou para a xente", engadía. O nacionalista constatou que "o acoso e terxiversación" terá nas eleccións do 1 de marzo unha influencia positiva porque a xente sabe distinguir".
O PP tamén tivo insultos nos últimos días para o PSOE. O último en sufrilos foi o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, ao que o presidente do PP de Ourense, Xosé Luís Baltar, chamou "maricón, sinvergüenza e miserábel".
Semella que o PP recorre a medidas que carecen de toda ética para lograr colleitar os votos que lle faltan para acadar a maioría absoluta. Despois de todas as difamacións, todo indica que as enquisas que manexan lle auguran un mal resultado. O próximo domingo decidirase o futuro dos galegos e galegas.