Co fin de atenuar os efectos da crise económica e para que a desaceleración "teña menos efectos na sociedade galega", Anxo Quintana apelou á utilización dos mecanismos que facilita o autogoberno. O vicepresidente da Xunta afirmou que "cómpre tecer complicidades e colaboración co mundo empresarial". Quintana defendeu esta liña de actuación porque "o auténtico reto é o emprego do autogoberno e a creación dun tecido empresarial propio para que os galegos saian ben deste momento".
O vicepresidente da Xunta asegurou que o Goberno galego xa tomou medidas, como a incentivación do investimento por parte da Administración, cunha inxección de 1.700 millóns de euros para obras públicas, a creación de cerca de 40 millóns de solo empresarial, o plan de dinamización do medio rural, con 212 millóns de investimento ou a consolidación do sistema galego de Benestar.
Segundo Quintana, trátase de "cambiar o anterior modelo económico" por un sistema diversificado, no que se potencien os sectores produtivos de Galiza. Ademais apuntou que, coa crise "Galiza ten que aproveitar máis que nunca os seus recursos naturais".
Para paliar a desaceleración económica, o vicepresidente da Xunta apostou por unha "alianza estratéxica" entre a Administración e o tecido empresarial galego. Neste sentido subliñou que "o galego vende" e fixo un chamamento aos empresarios para que consideren a identidade como "un activo non só cultural, senón tamén económico". Ademais, emprazou os empresarios a que "non lle teñan medo á lingua" e a usar o idioma "como un aliado, non coma un inimigo".
Quintana tamén aludiu á importancia da empresa familiar na economía galega e lembrou que constitúen o 75 por cento da iniciativa privada no país. O vicepresidente tamén apuntou algunhas medidas para darlle pulo ao sector, como a reforma do imposto de sucesións ou a creación do Máster en Dirección de Empresa Familiar.
Pídelle sensibilidade ao Goberno
Ademais, Quintana manifestouse hoxe a prol da pesca. O presidente da Xunta reclamoulle "sensibilidade" ao Goberno de Madrid para abordar a crise deste sector, "que é estratéxico para Galiza, pero non o é para o Estado", por mor da porcentaxe menor que xoga esta actividade económica no PIB estatal. Porén, Quintana subliñou que cando cheguen momentos de crise como o actual esa diferenza de apreciación "nótase demasiado". Este foi o motivo polo que lle pediu ao Goberno unha "sensibilidade especial".
O vicepresidente defendeu que a política "ten alma" porque "detrás dos números hai persoas". Por último, manifestou a súa esperanza de que "haxa un espírito construtivo para buscarlle solucións" ao sector.