O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, insistiu hoxe en que é "imprescindíbel" reformar a lei para que os residentes ausentes poidan votar en urna nos próximos comicios galegos. Non obstante, deulle a 'benvida' a 'calquera fórmula de transparencia e seguridade'. O PPdeG confirmou estar 'a favor' tanto do voto electrónico como do voto en urna. Pola contra, o BNG cualificou a proposta de De la Vega como unha "coartada".
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, puxo de manifesto que "hai que mellorar os mecanismos de transparencia e seguridade", e aseverou que non vai renunciar a conseguir a reforma a Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (Loreg) para que os emigrantes voten en urna. "É imprescindíbel, aínda que sexa difícil", dixo. En todo caso, o máximo mandatario autonómico constatou que "é importante" que se tomen as medidas técnicas" para desenvolver a modificación e, "en fin, que se dean os pasos e se poida producir a iniciativa correspondente" para a reforma da lei electoral no Congreso dos Deputados.
Pola súa banda, o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feixóo, manifestou que os populares están "a favor dos dous tipos de votación", tanto en urna como pola internet, aínda que lle pediu ao Goberno central "que concrete" por cal dos dous sistemas se vai decantar e que o faga antes das eleccións autonómicas galegas. Segundo o líder do PP galego, "calquera dos dous métodos vale, sempre que se garanta a seguridade e a fiabilidade do voto". Así mesmo, recordou que o seu partido xa expuxera a posibilidade do sufraxio electrónico para as municipais, aínda que recoñeceu as "dificultades" que levaría a implantación da aplicación informática necesaria, e por iso o PPdeG acabou por pedir o voto en urna.
Nese sentido, afirmou que "calquera Goberno ten capacidade" para facilitar a instalación das catro urnas necesarias nos consulados e centros galegos no exterior. "Válenos o voto en urna ou electrónico, o que non nos vale é o voto por correo", reiterou, á vez que aseverou que "o que non se pode é non facer nada e seguir cun sistema do século pasado, que impide a limpeza nas eleccións".
O presidente Partido Popular, Mariano Raxoi, tamén afirmou hoxe que aceptará o voto "en urna ou electronicamente" para os emigrantes españois, e confirmou que llo esixirá ao Goberno a partir de setembro, porque o Executivo "non se comprometeu" a pesar do anuncio da vicepresidenta María Teresa Fernández de la Vega.
O BNG, en contra
Pola contra, os nacionalistas posicionáronse en contra de que os emigrantes non poidan votar en urna. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados subliñou a estrañeza que lle produce o argumento das 'dificultades técnicas' utilizado polo Goberno "aquí estamos acostumados a ver como moitos inmigrantes de países menos desenvolvidos votan en urna. Esa non pode ser a explicación". Para o BNG, a xustificación da vicepresidenta Primeira "dista moito de ser satisfactoria".
Dende o seu punto de vista, hai un dato obxectivo sobre a mesa: que o sistema actual beneficia os partidos no goberno xa que no ano 2004 o PP obtivo o 65 por cento dos votos no exterior e no ano 2008 foi o PSOE o que obtivo o 65 por cento deses votos. "Queremos crer que esa non sexa a verdadeira razón", engadiu o portavoz nacionalista.
O BNG salienta que a vicepresidenta deixou claro que non vai presentar ningún proxecto de lei na Cámara, "limitouse a expresar a vontade compartida" de reformar o voto dos emigrantes. O BNG fai fincapé en que na réplica, De la Vega fixo unha clara alusión á proposición do Parlamento galego afirmando que "incluso estamos dispostos a que se vexa esa proposición de lei antes se así o acordan os grupos" pero cualificou a proposta da Cámara galega "de lei que pensa nas Eleccións galegas".
Na contrarréplica ao BNG, que lle preguntou se ían presentar un proxecto de lei sobre este tema, De la Vega sinalou que "o Goberno asumirá a regulación que acorden por consenso os grupos da Cámara". E engadiu que "estamos dispostos a apoiar unha proposición de lei ou a fórmula que se acorde". O deputado do BNG acusou a vicepresidenta de intentar subsumir un "aspecto concreto nunha reforma electoral máis ampla". "A reforma que propomos é algo que non afecta ao marco xeral", apunta. Ademais, "existen precedentes de reformas puntuais da lei electoral".
Jorquera apelou á urxencia de modificar o sistema de voto para darlle garantías ao voto, "para nós é unha cuestión urxente, é importante garantir a limpeza do voto e estamos ás portas das Eleccións galegas onde o CERA ten unha importancia especial". O nacionalista lembrou que Galiza ten 330.000 inscritos no CERA, un corpo electoral que aumentará considerabelmente de se estender a nacionalidade aos descendentes da segunda xeración.