Foi a entrada do ano en Galiza, a selección galega de fútbol conseguiu que Vigo volvese sentir o sabor das grandes ocasións, o ambiente das grandes citas futbolísticas. Chegados de todos os recunchos do país, uns 28.000 afeccionados agardaron máis de hora e media para ver o terceiro encontro disputado pola selección.
Todos os factores apuntaban o contrario. O termómetro apenas acadaba os catro graos, a TVG televisaba en directo o partido e o árbitro pitaba o comezo ás 22.45 da noite nun día laborábel. Non obstante, os afeccionados galegos case enchen Balaídos, ao igual que nas citas históricas do Celta. Foron 28.000 os seareiros que amosaron que a selección galega importa, e moito. Malia que a selección de Camerún se plantou no hotel de concentración e ameazou con non disputar o encontro, os galegos non se desanimaron perante a espera. Mentres a megafonía anunciaba que o partido se atrasaba por causas alleas, os cánticos e as consignas que reclamaban a oficialidade da selección anegaban o estadio vigués. Antes de celebrarse o encontro, centos de persoas manifestáronse en Vigo a prol dunha selección oficial.
Son dúas as principais hipóteses sobre o desplante da selección africana. Mentres uns apuntan ás diferenzas económicas coa federación de Camerún, que supostamente debe cartos aos xogadores, outros apuntan a diferenzas económicas coa organización. Ao chegar a Balaídos, os cameruneses afirmaban que había problemas por mor da ausencia do barcelonista Eto'o. Supostamente, esa ausencia suporíalles unha penalización económica. Otto Pfister, seleccionador de Camerún, declarou que "é a organización quen debe dar conta do atraso". O adestrador non quixo valorar a ausencia de Eto'o, que nun primeiro momento fora convocado. Pola súa banda, Fernando Vázquez, seleccionador de Galiza xunto con Arsenio Iglesias, definiu o comportamento dos cameruneses como "triste e deplorábel". Segundo Vázquez, "sexan cales sexan as causas do atraso, o primeiro é o respecto á afección e ao fútbol. Xogar é o principal. O resto dos asuntos arránxase logo". Malia todo, tanto a afección como os xogadores galegos estiveron á altura das circunstancias. Vázquez eloxiou a actitude dos seareiros, "a afección deu unha lección esta noite. Aguantou todas as dificultades sen perder a calor, sen perder a ilusión e as ganas de festa. Os xogadores notárono e agradéceno".
Con este partido, que rematou 1-1 cos dous goles dende o punto de penalti, xa son tres as ocasións nas que os galegos puideron gozar coa selección de seu dende a súa recuperación no 2005. O éxito que cada ano acadan as citas da selección fixo que a directora xeral para o deporte, Marta Souto, barallase outras datas, fóra do Nadal, para organizar novos encontros. Maio ou xuño de 2008 poderían acoller o próximo partido, xa que todas as ligas de primeira división adiantan este ano o seu final para deixarlles pasos ás seleccións na Eurocopa de Austria e Suíza. Deste xeito, evitaríanse problemas de calendario, como os que sofren os galegos que xogan nos clubs ingleses ou escoceses. Tamén sería máis doado atopar un rival europeo de bo nivel. Co posíbel cambio de datas do encontro da selección para fóra do Nadal tentaríase igualar o combinado galego co catalán e o vasco, que dende hai anos afánanse por acadar a oficialidade. A dirección para o Deporte mantén boas relacións cos seus homólogos de Catalunya e de Euskadi, polo que non se descarta a posíbel disputa dun Galiza-Catalunya ou Galiza-Euskadi, nin a celebración dun torneo entre os tres.
Os outros partidos
Non só a selección absoluta masculina disputou o seu encontro, as seleccións sub 16 e sub 18 enfrontáronse a Braga e o resultado foi de 1-0, vitoria para os galegos, en ambos os dous partidos. Os equipos femininos equiparáronse aos masculinos e tiveron os seus propios partidos. A selección feminina sub 16 disputou un gran encontro fronte a Braga que acabou con 5-0 para as galegas. Pola súa banda, Galiza feminina sub 18 dominou o seu encontro fronte as portuguesas nun partido que rematou 5-1. A selección feminina absoluta non tivo tanta sorte e perdeu fronte ao combinado de Catalunya por 1-6 nunha estrea histórica que quedará para o recordo.