Nun momento no que a Cidade da Cultura está cada vez máis cuestionada e a investigación acércase ao seu fin, o ex presidente da Xunta e principal promotor do complexo, Manuel Fraga, interveu perante os membros da comisión parlamentaria para render contas da xestión do proxecto. Alberte Núñez Feixóo, actual presidente do PPdeG e ex vicepresidente primeiro da Xunta, tamén compareceu no parlamento e asumiu as súas responsabilidades respecto aos edificios do monte Gaiás.
A comisión que investiga a desviación de máis de 270 millóns de euros no custo do complexo arquitectónico do Gaiás contou nos últimos días coa presenza dun dos seus principais promotores, Manuel Fraga. Durante o seu discurso, o ex presidente da Xunta defendeu o proxecto e definiu a Cidade da Cultura como un “soño” que, ao igual que o Pórtico da Gloria, fará que Galiza sexa coñecida en todos os recunchos do planeta. Carlos Aymerich, voceiro do BNG, respondeulle a Fraga que de ser o seu soño debería telo financiado co seu patrimonio privado. Fraga, que chegou a falar do complexo como “unha das dez infraestruturas culturais máis importantes do mundo”, negou en todo momento que os edificios do monte Gaiás fosen un mausoleo.
Antes de que o PsdeG e o BNG preguntasen polas irregularidades, o ex presidente da Xunta quixo subliñar que non interveu “especialmente” na xestión do complexo e descargou as responsabilidades no conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela, e no de Economía, Xosé Antonio Orza. A continuación, socialistas e nacionalistas apuntaron que como presidente da Xunta tiña o deber de estar ao tanto do desfase de orzamentos, ao que Fraga respondeu que o proxecto “está ben feito” e que os informes do Consello de Contas “son limpos”. O popular, que durante a súa intervención tratou de exculpar a Alberte Núñez Feixóo, vicepresidente do Goberno galego durante os últimos tempos do mandato do PP, afirmou “asumo a responsabilidade dos fallos de coordinación”. Segundo Fraga, a desviación de orzamentos que sufriu a Cidade da Cultura débese a que a obra “ten a posibilidade de ir ampliándose”.
Manuel Fraga aproveitou a súa intervención para lembrar a catástrofe do Prestige, da que están a piques de cumprirse cinco anos. Malia que o ex presidente da Xunta mesmo lle concedera a medalla de Galicia a Álvarez Cascos para defender a xestión do Goberno central, apuntou que dende Madrid “dificilmente” se podería decidir se era mellor “sacar ou meter” o petroleiro na costa galega. Antes da comparecencia de Manuel Fraga, interveu perante o Parlamento o actual presidente do PPdeG e ex vicepresidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo. Por vez primeira, asumiu parte de responsabilidade na execución das obras do Gaiás. Ademais, lamentou en nome do PPdeG a desviación orzamentaria do proxecto. Núñez Feixóo advertiu que lle preocupa a situación actual do proxecto ao considerar que as obras están “ralentizadas”, polo que fixo un chamamento a todos os grupos políticos para darlle un pulo á obra e así “apostar polo futuro” de Galiza. Na comisión de investigación, o popular lembrou que o custo por metro cadrado da obra é de 2.400 euros e apuntou que é “inferior” nun 67 por cento ao Museo de Arte Contemporánea de Barcelona, do 40 por cento do correspondente á ampliación do Museo do Prado de Madrid e do 22 por cento do metro cadrado da Cidade das Ciencias e as Artes de Valencia.
Pola súa banda, o voceiro do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, pediu “que deixen as familias en paz” e criticou o BNG por “botar merda” a Galiza. Tamén lles preguntou aos socialistas e aos nacionalistas se son “capaces de comprometerse a falar do presente, da súa xestión”, ou se cando comparezan os membros do bipartito “van volver botar a vista atrás”.
O arquitecto alemán, Wilfried Wang, tamén compareceu perante a comisión de investigación e advertiu que é “inaudito” non establecer límites orzamentarios aos arquitectos, “é irresponsábel, é como darlle a alguén un cheque en branco, incluso as obras do Renacemento tiñan límites”. O que no 1999 foi membro do xurado encargado de elixir o deseñador do complexo apuntou “como turista, espero que o edificio acabe. Dentro de cincuenta anos teremos esquecida a polémica, exceptuando os impostos que terá que pagar todo o mundo”. Wang revelou que Fraga “era a sombra que se proxectaba sempre sobre o complexo”.
Para a próxima semana intervirán na comisión de investigación o arquitecto da Cidade da Cultura, Peter Eisenman e os actuais conselleiros Ánxela Bugallo e Fernández Antonio. Prevese que como fin das comparecencias interveñan o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o vicepresidente, Anxo Quintana, o día 19 deste mes.