Ao longo da última semana compareceron na comisión de investigación da Cidade da Cultura o esposo de Pilar Rojo, deputada popular e ex conselleira, e Manuel Fernández Balboa, cuñado de Raxoi, para explicar qué labores desempeñaban na xestión do complexo. Tamén interveu o representante en Galiza da consultora que supervisou a execución das obras, quen asegurou que en repetidas ocasións o proxecto sería “inviábel pola falta de orzamentos”.
A comisión que investiga a xestión económica da Cidade da Cultura continúa ofrecendo novos datos que revelan a indefinición do proxecto dende o seu inicio. Durante a última semana, correspondeulle a quenda de intervencións a dous familiares directos do secretario xeral do PP, Mariano Raxoi, e da deputada popular, Pilar Rojo. Durante a súa comparecencia no Parlamento, Manuel Fernández Balboa, evitou en todo momento aclarar se o seu cargo na dirección financeira tivo algo que ver co grao de parentesco que o une a Raxoi. Carlos Aymerich, voceiro do BNG, e Xaquín Fernández Leiceaga, voceiro socialista, preguntáronlle ao cuñado de Raxoi cómo foi posíbel que a Xunta lle concedese o posto de director a un mozo de vinte e nove anos cun currículum que recolle unha licenciatura en Empresariais, un máster MBA e un ano de experiencia nunha empresa de xestión de residuos. Balboa só explicou ao respecto que decidiu renunciar ao “posto político” coa chegada do bipartito ao poder.
Anteriormente, fora citado ao Parlamento, Alfredo Díaz Grande, arquitecto coordenador, ao que tanto BNG como o PsdeG cualificaron como o “autor intelectual” da Cidade da Cultura. BNG e PsdeG preguntáronlle a Díaz Grande a través dos seus voceiros cómo accedera ao cargo, xa que en ningún documento constaba o seu contrato nin o salario que recibía. Díaz Grande, marido da ex conselleira e deputada popular Pilar Rojo e íntimo amigo de Raxoi, só respondeu que non lembraba nada xa que pasaran máis de oito anos. Tanto socialistas como nacionalistas denunciaron que as funcións que Díaz Grande desempeñou na xestión da Cidade da Cultura excederon o seu papel de arquitecto coordinador. Ambos os dous voceiros lembraron que os informes dos 1998 recollen recomendacións de Díaz Grande nas que apuntaba que os arquitectos deberían ter absoluta liberdade creativa sen máis límites que o fin da obra, sen fixar ningún máximo orzamentario.
Pola súa banda, tamén compareceu o representante en Galiza da empresa consultora Indom, que supervisou a execución da Cidade da Cultura. Indom emitiu máis de 200 informes nos que advertía da “indefinición técnica” e das contradicións que se daban na xestión do proxecto. Rafael Espinosa Azofra insistiu que dende a consultora nunca tentaron esconder nin minimizar o que estaba a acontecer. Nun documento do 2000 indícase que o cariz que estaba a tomar a xestión “levaría a un proxecto inviábel por falta de orzamento” e aconsellaba modificar as pretensións, algo que non se fixo. O voceiro do BNG, Carlos Aymerich, manifestou que os documentos esclarecen que houbo unha intromisión continua do Goberno de Fraga para facer “máis obra, máis espectacularidade e máis edificios sen control”.
Durante esta semana tamén saíu á luz a pretensión do ex conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela, que devecía por crear unha gran “biblioteca de exposición”, decorada cun “millón de volumes”. As actas das reunións mantidas co arquitecto Peter Eisenman revelan que o ex conselleiro introduciu modificacións respecto ao deseño inicial para que a biblioteca fose espectacular. Ademais, sóubose que a decisión de construír un aparcadoiro na hemeroteca da Cidade da Cultura foi adoptada por Pérez Varela. Tanto María del Carmen García Campelo, ex directora xeral de Promoción Cultural, como Xosé Ignacio Otero López, ex director xeral de Comunicación Audiovisual, manifestaron que a idea de construír o aparcadoiro foi “política”.
O arquitecto que no 1999 advertiu do sobrecusto do complexo, Wilfred Wang, comparecerá a mediados do mes de novembro na comisión, aproveitando que participará nunhas xornadas de arquitectura. Pola súa banda, prevese que a intervención de Eisenman teña lugar a finais do mes que entra, cando remate a rolda de comparecencias e se inicien os traballos de redacción das conclusións.
Mentres tanto, o complexo arquitectónico está a condicionar os orzamentos da Xunta en Cultura e Deporte. Os edificios da Cidade da Cultura recibirán un de cada catro euros dirixidos á Consellaría de Ánxela Bugallo. Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta, advertiu que aínda así os orzamentos para o complexo de Gaiás serán inferiores aos do 2007. O BNG xa advertiu que a factura final da obra chegará aos 500 millóns de euros, case cinco veces o custo estimado inicialmente.