Ás 00.00 horas púñanse en marcha os resortes da carreira cara á presidencia da Xunta. A campaña electoral, que desta vez abandonaba a tradicional cola e máis os carteis para decantarse polas novas tecnoloxías, daba comezo cos actos centrais en Santiago de Compostela. Horas antes de dar comezo oficialmente a campaña, as últimas sondaxes dábanlle a vitoria ao bipartito do PsdeG-PSOE e do BNG, pero non coa marxe suficiente que as anteriores enquisas lle daban á coalición. Segundo os últimos datos, que se colleitaron antes de facerse pública a suposta trama de corrupción que lles afecta a persoas próximas ao PP -entre eles, Pablo Crespo, o que fora secretario de Organización do PPdeG, que permanece na cadea-, os conservadores volverían ser os máis votados, pero non acadarían a maioría absoluta, polo que se reeditaría o Goberno entre o PSOE e o BNG.
Ante centos de persoas no Multiusos do Sar, o candidato do BNG, Anxo Quintana, apelou ao voto "masivo" dos nacionalistas e galeguistas para facer de Galiza "un país máis forte" e subliñou que a abstención "só lle favorece o PP". E é que nas últimas semanas, os populares galegos fomentan a desmobilización. "Cada voto ao BNG o próximo 1 de marzo é un voto polo respecto por Galiza e para ter un novo Estatuto de Nación", proclamou Quintana diante dunha pantalla cos cabezas de lista do Bloque Nacionalista Galego, Teresa Táboas (por Pontevedra), Alfredo Suárez Canal (por Ourense), Fernando Blanco (por Lugo) e Ana Pontón (número dous pola Coruña, onde Quintana encabeza a candidatura). Pola súa banda, Pontón aludiu ao PP e ao PSOE na noite de apertura da campaña. "Os nosos candidatos e candidatas non teñen contas nas illas Caimán, non amasan pasaportes na emigración e non se espían uns aos outros, porque o único que nos move é o amor a Galiza e o desexo de máis autogoberno, dunha economía ao servizo da xente, dunha Galiza que sexa terra de igualdade, de que o galego sexa unha lingua normalizada".
O candidato do PSOE á presidencia, Emilio Pérez Touriño, chamou, ao igual que os nacionalistas, á mobilización dos galegos e galegas contra a abstención. Así, solicitoulles aos cidadáns que "non queden na casa ou durmidos porque, se non, o pesadelo duraralles catro anos". "Hai que ser triste e cenizo para pretender gañar coas urnas baleiras", apuntou o socialista en referencia ao PPdeG. Ademais, subliñou que "non hai que fiarse" das enquisas porque "non hai nada decidido" e advertiu de que "os estrategos do PPdeG cifran todas as súas esperanzas de gañar".
Pola súa banda, o líder dos populares galegos Alberte Núñez Feixóo asegurou ter aprendido dos seus erros nos catro anos de oposición. O PPdeG afronta á defensiva a que é a súa primeira campaña sen Manuel Fraga desde 1985 e con Feixóo como candidato, que optou por unha lista renovada e por darlle máis presenza ao partido nas urbes, en detrimento do rural. A última semana do período preelectoral estivo marcada no PPdeG pola destitución do cabeza de cartel de Ourense, Luís Carrera, un economista polo que apostou Feixóo e que durou apenas un mes en política. E é que Carrera foi apartado das eleccións por non declarar a Facenda a cantidade de cartos que recibiu por prestarlle asesoramento ao Banco Privado Portugués para organizar a súa entrada no mercado galego. O que foi durante unhas semanas o número un por Ourense xustificábase dicindo que a entidade lusa lle pagou a través da súa sucursal nas illas Caimán e que, ao non recibir ningunha notificación, se lle "pasou".
Quedan por diante uns días frenéticos nos que se decidirá a sorte de Galiza durante os próximos catro anos. A elevada proporción de indecisos, o 38 por cento do electorado, segundo os datos que publicou onte o CIS, contribúe a pintar un escenario electoral aberto. As distancias están a reducirse e os políticos son conscientes. As vindeiras semanas serán decisivas para o futuro dos galegos e galegas.