O pasado mércores constituíase o novo Parlamento galego presidido polo PP, que se estreaba na VIII lexislatura cunha protesta da Mesa pola Normalización Lingüística na porta. E é que a asociación presidida por Carlos Callón quixo aproveitar a estrea da nova maioría dos conservadores para advertir sobre a involución lingüística que pretende seguir o PPdeG.
Varios centos de persoas, entre os que se atopaban Francisco Rodríguez, da UPG, Iria Aboi de Galiza Nova, mandatarios da CIG e dos Comités, concentrábanse nas portas do Parlamento galego en contra da política lingüística que xa avanzou o PP. Os alí concentrados protestaban pola intención do futuro presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, de derrogar o decreto que regula o uso do galego no ensino. Callón lembroulle a Feixóo que o decreto que vai derrogar emana dunha Lei de Normalización aprobada baixo o goberno do propio PPdeG.
O presidente da Mesa denunciou que no país non hai liberdade para vivir en galego e reclamoulle ao próximo presidente da Xunta que lexisle para todos. Mentres, no hemiciclo, a popular Pilar Rojo era investida presidenta da Cámara cos únicos votos do seu partido. Rojo presidirá unha Mesa do Parlamento na que, despois de ter negociado co PSdeG, o BNG contará cun espazo, ocupado polo vicepresidente da Xunta en funcións e polo portavoz dos nacionalistas en funcións, Anxo Quintana. A cambio do posto cedido polos socialistas, o BNG acordou non pactar cos populares o reparto de poder na CRTVG e no Consello de Contas. Así, a VIII lexislatura arrinca cunha oposición unida. Como portavoces, Carlos Aymerich actuará como voceiro do BNG, ao menos mentres non se escolla a nova Executiva da organización nacionalista.
Polo PSdeG, ocupará a portavocía o ex concelleiro do BNG en Compostela, Xaquín Fernández Leiceaga, tamén un cargo provisional, xa que fica pendente saber quen substituirá finalmente o ex secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño. Vense de saber tamén que o popular Manuel Ruiz Rivas repetirá como portavoz do PP na Cámara. Na súa primeira intervención, a nova presidenta do Parlamento, apelou ao "consenso" das tres forzas con representación no hemiciclo para ser "capaces de sentir e recoller" as "necesidades e inquietudes" dos cidadáns, "máis que nunca se cabe" dada a actual situación de crise económica. O PP "cambia" así de postura e reclama consenso tras dedicarse a atacar durante a lexislatura esgotada o bipartito do PSdeG e do BNG.
No seu breve discurso tras ser elixida presidenta da Cámara, apuntou que os tres partidos con representación parlamentaria, malia as súas diferenzas, están unidos pola "paixón e as enormes gañas de traballar por Galicia". Tras o seu discurso, Rojo pechou a sesión dándolle paso ao Himno galego, ao que Rojo se referiu como "Himno nacional". Este "lapsus" da popular, que lle confería entón a categoría de nación a Galiza, foi celebrada polo BNG. O portavoz parlamentar, Carlos Aymerich, aplaudiu con ironía que a presidenta da Cámara recoñecese "implicitamente" a Galiza como "nación" e mostrou o seu desexo de que iso "non sexa unha anécdota". Rojo compareceu máis tarde ante os medios para insistir en que "a única denominación oficial" do himno é "Himno de Galicia", citando a Lei de Símbolos do país.
Ademais, reprobou "o intento do BNG de manipular o equívoco labor" ao termo da sesión constitutiva do Parlamento galego e criticou que "calquera interpretación" que pretenda facerse "carece de fundamento" e "só busca a confusión e a manipulación interesadas". A negativa do PP a aceptar o status de Galiza como nación foi precisamente unha das causas do fracaso das negociacións para un novo Estatuto de Autonomía, un dos desafíos da lexislatura que vén de comezar.