Indica publicitat
Dimecres, 8 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 6 de d'agost del 2010 | 12:12
Crònica · Galiza

E agora Feixóo tamén ataca a Academia

A Real Academia Galega (RAG) decidiu este ano rachar coa política de silencio que viña practicando desde anos atrás, mais os constantes ataques do Goberno de Alberte Núñez Feixóo á lingua fixeron que espertase. Cando o PP asumiu o poder na Xunta co compromiso de derrogar o decreto que estabelecía como mínimo a presenza do galego na metade das aulas, o entón presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro, advertía de que os académicos non calarían ante a desprotección do idioma. E así foi. Meses despois, antes de rematar o seu mandato á fronte da institución cultural, Barreiro acusaba a Xunta de alentar á crispación coa súa política lingüística. E Feixóo respondía coa advertencia de que todos os informes da RAG non serían perceptivos nin vinculantes para elaborar o novo decreto do galego no ensino, a maior arma contra a lingua do PP.

Nos últimos meses, a RAG foi especialmente crítica co decreto do galego no ensino. Xa cualificara o borrador de "inaceptábel" e de "inconsistente legalmente". A Academia sumábase entón á postura dos sindicatos maioritarios no ensino, aos grupos políticos da oposición, á meirande parte da comunidade educativa, ao Consello da Cultura Galega, ao Consello Consultivo... e aos milleiros de galegos e galegas que saíron á rúa en varias ocasións para reclamar a rectificación da Xunta. Ante o grave ataque que suporá o chamado "decreto do plurilingüismo" aprobado en solitario polo PP, a Academia non ficou calada.

Nesta liña, a RAG censuraba en xaneiro as bases do decreto por constituíren "un retroceso no proceso de normalización da lingua galega que infrinxe a lexislación vixente e a xurisprudencia emitida polos altos tribunais". A Academia tamén se mostrou sorprendida coa actitude da actual Xunta respecto ao idioma, xa que co PP no Goberno se aprobaran por consenso a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega -normas que incumpre o "decreto do plurilingüsimo" impulsado por Feixóo.

Un perfil que non gusta no PP
Antes de aprobar o Goberno do PP o coñecido por "decreto do plurilingüismo", que diminúe por lei a presenza do idioma propio do país nas aulas, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín asumía o cargo de presidente da Academia elixido democraticamente pola maior parte dos académicos. Por todos é coñecido que o perfil político de Ferrín -vinculado ao independentismo- non é do gusto de Feixóo, quen declarou daquela: "espero que o pasado político de Méndez Ferrín non marque a súa actividade na RAG". Desde entón, e até esta semana, non volveu criticar ante os medios a máxima institución cultural de Galiza.

A semana pasada, o informe da Academia sobre o decreto acadou forma de recurso. O organismo presidido por Méndez Ferrín anunciou que levará a norma que reduce o galego no ensino aos tribunais. Xa recorreran o decreto varios sindicatos do ensino -entre eles a CIG, central sindicatl maioritaria no sector- e a Mesa pola Normalización Lingüística.

Que a RAG recorra o decreto desagradou os membros do Goberno, e iso que a Academia desenvolve o seu traballo: levar á Xustiza unha norma que considera ilegal para evitar que se poña en funcionamento. Días despois de coñecerse o recurso, Feixóo sinalou nunha entrevista que "as institucións que son exclusivamente un brazo máis dun goberno ou dunha ideoloxía non son útiles". "Alá a Academia co que fai", espetou.

Tampouco lle agradaron a Feixóo as declaracións de Méndez Ferrín logo da celebración do Día da Patria, cando afirmou que o "auto odio propio dos pobos colonizados é aquilo que nós temos que arrincar do noso corpo social para sermos libres, para sermos plenos e para sermos donos de nós mesmos colectivamente". O presidente da Academia situaba ese día a lingua como un "fenómeno colectivo" que é "expresión da nación galega". "Esa nación galega está en conflito, hai persoas que queren que Galiza se siga chamando nacionalidade histórica", concluía.

Onde queda agora a liberdade á que tanto di amar Feixóo? Acaso a Academia non é libre de presentar un recurso a un decreto que semella ser ilegal -feito do que mesmo advertiu o Consello Consultivo de Galiza. Fica agora pendente a decisión da Xustiza. Namentres, as crianzas comezarán o novo curso cunha redución histórica do número de materias impartidas na lingua que, tal e como recolle o Estatuto, é a propia do país.


Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat