Sen sorpresas no guión, o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feixóo, converteuse no quinto presidente da Xunta grazas aos 38 votos dos deputados do seu partido e coas papeletas en contra dos parlamentares PSdeG e do BNG.
O xa xefe electo do Executivo galego substituirá desde o sábado, cando tomará posesión do seu cargo, o socialista Emilio Pérez Touriño, que accedeu á Presidencia no 2005, tras alcanzar un pacto de goberno co BNG que acabou coa hexemonía de Manuel Fraga en Galiza durante 16 anos.
Durante o seu discurso na sesión de investidura, Feixóo confirmou a promesa de aprobar o Plan de Ordenación do Litoral en seis meses e até entón, e en contra das informacións filtradas, o PP manterá a moratoria do bipartito, que prohibe construír a 500 metros da costa. Nas súas intervencións, o presidente electo da Xunta tentou confrontar socialistas e nacionalistas coa lingua.
O popular instou o BNG a sumarse a PP e PSOE a unha suposta postura común dos partidos de ámbito estatal. Valéndose das críticas de varios dirixentes socialistas tras a derrota do 1M sobre a postura do BNG no eido da lingua ou nas galescolas, Feixóo animou os nacionalistas a sumarse "a un acordo lingüístico" baseado na liberdade individual e na normalización. Para reflectilo, valeuse dunha metáfora: "necesitamos as dúas pernas e as dúas linguas e eu dende logo non vou mutilar ninguén". Nunha clara alusión ao Bloque, Feixóo afirmou "a lingua non é propiedade de ninguén, os galegos son os seus donos, é propiedade de todos, e nunca das minorías". O PPdeG non só pediu unha postura común no que atinxe ao idioma, tamén lles reclamou unidade aos partidos da oposición para facerlle fronte á crise económica.
O BNG, interrompido
O portavoz do BNG no Parlamento, Carlos Aymerich, arremeteu contra a investidura de Feixóo nos seus 45 minutos de intervención, que foi cortada por Pilar Rojo, presidenta da Cámara, ao pasarse un minuto do límite estabelecido, malia a tradición de flexibilidade no tempo nas quendas do Debate de Investidura. "Vostede chegou ao Goberno montado sobre un cabalo de mentiras que agora ameaza con encabritarse", díxolle o nacionalista a Feixóo, a quen lle lembrou o seu "pasado privatizador". "Para vostede señor Feixóo a política non é servizo público senón pagamento de favores".
Sobre o anuncio "revisar" o concurso eólico do bipartito, Aymerich preguntou "a quen lles vai quitar os megavatios, aos conserveiros ou as cooperativas lácteas e a quen llos pretende dar, a Fenosa?".
Por outra banda, o parlamentar do BNG recordou que a Confederación de Empresarios de Galiza "non só saúda a súa vitoria que xa lle está a marcar o camiño". Aymerich referíase ás declaracións do presidente da patronal galega, Antonio Fontela, que pediu que os EREs non precisen o visto bo da administración. O nacionalista esixiulle a Feixóo que aclarase se ía apoiar esta medida ou a creación dun "contrato de crise", como tamén demandan os empresarios do país. Tamén criticou a redución de impostos prometida polo PPdeG, que cualificou de "regalos fiscais aos máis ricos".
No que atinxe á lingua, Aymerich subliñou que o Estatuto estabelece que a Xunta debe promocionar o uso do galego. Con todo, acusou os conservadores de negarse sempre a equiparar os dereitos dos galegofalantes cos dos castelanfalantes. Ante a promesa electoral de que os pais poidan escoller o idioma no que estudan os seus fillos, Aymerich recordoulle que a Plan de Normalización estipula que "os alumnos non poden ser separados en centros ou alas diferentes en función da lingua".
Por iso o nacionalista pediulle a Feixóo que aclare se, ademais do Decreto, pretende derrogar a Lei de Normalización.
O PSdeG acusa a Feixóo da confrontación lingüística
Na súa intervención no debate de investidura, o portavoz socialista, Xaquín Fernández Leiceaga, tamén sacou os trapos sucios do conservador "como destacado dirixente na etapa Fraga". O socialista acusouno de "ter unha axenda oculta" e criticou que agora augure "tempos peores", cando na campaña se presentaba como "garantía" fronte á crise. Leiceaga tamén fixo referencia ás "idas e voltas entre o público e o privado" do deputado popular Agustín Hernández, que cualificou de "ética e politicamente non presentábeis".
En canto á lingua, o portavoz do PSdeG acusou o líder conservador de alentar "a confrontación política sobre a nosa lingua por un puñado de votos, dando cobertura aos que teñen unha posición extrema".
O PSdeG tendeulle a man a "todas as políticas" que "conduzan cara á modernidade e ao progreso", pero advertiu que o grupo socialista tentará "frear toda tentación de volver ás augas turbias do seu pasado, asfixiante coas institucións e a sociedade civil máis creativa".