Na véspera do Día da Patria, o PPdeG homenaxeou a Castelao no Panteón de Galegos Ilustres cun discurso no que non faltaron alusións á lingua. Así, presumiu do "galeguismo amábel" e atacou entre liñas os nacionalistas, supostos defensores dun "galeguismo esquivo", segundo os conservadores. O líder popular en Galiza
declarou que "son os galegos os que deben decidir como queren expresarse, non os políticos". Como alternativa, o presidente da Xunta defendeu que o seu partido encarna "ese galeguismo anónimo, valente, continuo, que vive cómodo no bilingüismo cordial que sempre estivo instalado en Galiza".
Mentres Feixóo facía gala dun suposto "bilingüismo cordial", o BNG presentaba unha iniciativa no Parlamento na que denunciaba un novo caso de discriminación lingüística contra o galego. Trátase do caso dunha moza que se presentou a unhas probas de selección para unha tenda de deportes e que polo feito de expresarse en galego foi rexeitada pola responsábel da entrevista coa seguinte resposta, "como veo que no sabes hablar español, no me interesa. Gracias".
Segundo a afectada, nin sequera tivo opción de explicar o dominio que posúe en varios idiomas, español incluído. Este non é un caso illado en Galiza, xa que son numerosas as persoas que sofren presións nos seus postos de traballo para que non empreguen o galego. E é que malia o "galeguismo amábel" do que presume Feixóo, gran parte do empresariado pensa que o galego é unha lingua inútil para a súa actividade.
Ante situacións como a que vén de dar a coñecer o BNG, os nacionalistas consideran "indispensábel que a Administración interveña para defender os dereitos democráticos, lingüísticos neste caso, dos traballadores e traballadoras". En concreto, o Bloque demándalle á Xunta de Galiza que informe das medidas que vai poñer en marcha para garantir o dereito dos traballadores e traballadoras ao uso da lingua galega no posto de traballo, ou para acceder a el.