Todo comeza cunha conversa telefónica privada gravada por unha redactora da TVG a un alto cargo do Goberno sen o seu consentimento. A transcrición da conversa é filtrada a El País e, días máis tarde, Galicia Hoxe publica unha carta na que o director xeral do ente público, Benigno Sánchez, explícalle ao Vicepresidente da Xunta que non lle van dar máis cobertura a súa actividade.
A publicación da conversa privada de Antón Losada, ex secretario xeral de Vicepresidencia, cunha redactora da televisión galega deu a voz de alarma. Grava a CRTVG as conversas cos políticos? Acontece só cos do BNG ou tamén gravan as conversas con militantes doutros partidos?
Cando unha responsábel dos informativos da televisión pública comezou a conversar con Antón Losada, indicoulle que o chamaría máis tarde dende outro terminal porque polo teléfono que estaba a falar non se oía ben. Minutos despois, a redactora chamou e foi entón cando comezou a gravación da conversa privada, na que Losada amosou o malestar de Vicepresidencia co trato dispensado pola CRTVG.
A gravación da conversa coincide coa publicación en Galicia Hoxe dunha carta que Benigno Sánchez, director xeral da CRTVG, enviou a Anxo Quintana para comunicarlle que o ente público deixaría de informar sobre os actos de Vicepresidencia. Na misiva, recomendábaselle a Quintana que pedise escusas polas presuntas tensións que o secretario xeral por aquel entón tentaba exercer sobre os redactores da TVG.
A polémica coa televisión pública semella nacer por mor do malestar de Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta e líder nacionalista, co trato que recibe nos informativos da televisión pública galega. Segundo diversas enquisas realizadas, Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta, acapara un 52´7 por cento das noticias que emite a TVG, máis que Quintana e o líder popular, Alberto Núñez Feijoo, xuntos. Segundo os datos do informe, tanto en número de imaxes emitidas como en minutos de declaracións, Anxo Quintana sae desfavorecido respecto aos seus rivais políticos. Ademais, aparece maioritariamente no seu papel de líder do BNG e non como vicepresidente. Quintana tampouco aparece nos titulares nin nas novas de carácter social.
A tensión creceu cando nos informativos da TVG non se emitiron as declaracións de Anxo Quintana sobre a polémica do himno nas escolas e si saíron as do presidente Touriño. Foi entón cando Vicepresidencia deixou de enviar a convocatoria individualizada de actos á TVG como “medida de presión”.
No pacto non escrito entre o PSOE e o BNG, os socialistas reserváronse os informativos dentro da televisión pública, que escaparon ao control do director da cadea, Xesús Iglesias. Nese acordo tamén se falara da elección do director xeral da CRTVG por unha maioría cualificada do parlamento. Tanto o BNG como o PPdeG veñen demandando que se cumpra o pactado. Esta semana, o voceiro socialista, Ismael Rego, afirmaba que ía realizar o cambio lexislativo oportuno, pero que sería o Goberno quen “marcase” o proxecto.
En Galiza, boa parte dos medios evitan profundar no tema, xa que moitos destes posúen produtoras que lle facturan case exclusivamente á CRTVG. Tentan xustificar o escándalo coa dimisión de Antón Losada, se ben esa dimisión xa estaba decidida mes e medio antes de que a conversa saíse á luz pública. Non obstante, nin o contido da conversa nin a dimisión poden xustificar a gravación privada.