Indica publicitat
Divendres, 10 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Dijous, 20 de de setembre del 2007 | 16:24
Crònica · Galiza

Ampla crítica social ás gravacións da TVG, aínda que o PSOE garda silencio

Representes do eido político, xornalístico, sindical e xurídico expresan o seu parecer acerca de que un medio público grave conversas telefónicas privadas a cargos políticos sen o seu consentimento, como vén de suceder na TVG e sen que se saiba aínda o alcance das gravacións nin os responsábeis que as ampararon. A alarma saltou no momento no que El País publicou unha conversa privada entre unha xefa de redacción da TVG e o ex secretario de Vicepresidencia, Antón Losada. Dende entón, xurdiron numerosas preguntas que poñen en cuestión as prácticas dos responsábeis do ente público. Canaliza a TVG os cartos dos galegos para gravar os políticos sen a súa aprobación? A de Losada é a única gravación que fixo a CRTVG ou é a única da que temos coñecemento? Polo de agora, os responsábeis da compañía non emitiron ningún xuízo nin compareceron perante os membros do parlamento para ofrecer explicacións e tampouco ofrecen declaracións. BNG e PP valoran a situación, mentres o PSOE opta, por agora, polo silencio.

“Hoxe foi a gravación, pero mañá pode ser outra cousa se non pomos remedio” Xosé Manuel Vega. Decano do Colexio de Xornalistas e traballador da TVG. “Hai que subliñar que as gravacións son unha cuestión xudicial, non profesional e responden a unha guerra política entre socios de goberno. O director xeral, que é quen encarna o órgano reitor da CRTVG, debería comparecer perante o parlamento”. “A cuestión de fondo é a instrumentalización política á que están sometidos os medios públicos galegos, que con estes métodos vense desprestixiados. O actual modelo dos medios públicos en Galiza, que está herdado do franquismo, permite que o Goberno posúa un poder pleno”.

“Hoxe foi a gravación, pero mañá pode ser outra cousa se non pomos remedio, e iso que existen mecanismos de control para evitar este tipo de prácticas. Cómpre desvincular o director xeral do presidente da Xunta, é preciso crear un Consello Superior do Audiovisual, como o que existe en Cataluña ou en Francia e habería que modificar a natureza do Consello de Administración”.

“Vese que non hai transparencia, só ganas de esquecer o tema” Diego Calvo. Parlamentario do PPdeG e voceiro da comisión de control da CRTVG. “Todo o que sen ten producido na TVG é inadmisíbel e moi grave, e máis cando a gravación atinxe a un membro do Goberno. Non se pode gravar sen consentimento nin filtrar baixo ningunha circunstancia e se Benigno Sánchez consideraba que algún alto cargo estaba a presionar a TVG, debería telo denunciado. O feito de que a conversa se filtrase dá a idea de cómo se atopa a situación do ente público. Dende o PPdeG consideramos que o director xeral debe ser cesado e o seguinte debe ser nomeado por maioría no parlamento”.

“Como medida, o PPdeG propuxo que Benigno Sánchez comparecese no parlamento, pero tanto o BNG como o PSOE negáronse, algo que nos parece, cando menos, grave. Vese que non hai transparencia, só ganas de esquecer o tema. Os socios de goberno poderían cesar o director xeral, pero iso é cuestión de vontade política. Hai que iniciar unha investigación para determinar quen deu a orde e con qué instrumentos”.

“A situación da TVG está moi lonxe das necesidades do país”

Manuel Mera. Secretario de Formación e Comunicación da CIG. “O asunto da gravación parécenos lamentábel e condenábel en calquera circunstancia, aínda que debe ser a Xustiza quen o determine. A nós interésanos máis a cuestión de fondo, que é máis importante que estes feitos illados. Nós cuestionamos o conxunto da situación da TVG, que está moi lonxe das necesidades do país. A información apenas mellorou respecto ao goberno do PP”.

“Só o permiso dun xuíz autoriza unha gravación sen consentimento do interlocutor”

Carlos Varela. Fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). “Existe unha lexislación que regula a intimidade e o secreto de comunicación, que recolle que as gravacións privadas sen consentimento son ilícitas. Só o permiso dun xuíz, que debe estar moi fundamentado, autoriza unha gravación deste tipo. Tanto o dereito á intimidade, recollido na Constitución, como o dereito ao secreto de comunicación, recollido no Código Civil, están catalogados como dereitos fundamentais e o seu incumprimento está penado”.

 “Xa lle comunicamos a Benigno Sánchez que perdeu a confianza do BNG”

Bloque Nacionalista Galego

Fontes do BNG apuntan que os representantes nacionalistas do Consello da Administración da TVG solicitaron unha petición para que Benigno Sánchez, director xeral da CRTVG, declarase acerca da gravación dunha conversa telefónica da televisión pública. “A voceira, Cecilia Pérez Orxe, pediulle explicacións a Benigno Sánchez, quen asegurou que non lle constaba a existencia de tales gravacións e que na TVG non existen ese tipo de prácticas nin se cometen delitos”. O BNG comunicoulle ao director xeral da compañía que o feito de que El País filtrase a transcrición da conversa é un claro indicio de que esa gravación existiu. “Ao, final, Benigno Sánchez admitiu que hai mostras da existencia da gravación da conversa”. O BNG vai pedir que se depuren responsabilidades, “estamos á espera de que conclúa a investigación para esixir responsabilidades. De todos os xeitos, xa lle comunicamos a Benigno Sánchez que perdeu a confianza do BNG”.

“Non é serio gravar a ningunha persoa dende ningún medio sen o seu consentimento”

Raimundo Méndez. Membro de UGT e secretario do Comité Interempresa da CRTVG. “Dende o primeiro momento que xurdiu o tema da gravación da conversa de Antón Losada, no comité pedimos reunirnos con Benigno Sánchez, que nos informou que comezarán un proceso para abrirlle expediente aos traballadores que estivesen implicados no tema da gravación. Polo que até que o proceso non estea pechado, non podemos valorar o caso. De todos os xeitos, en canto o resolvan deberán comunicalo. En xeral, dende UGT estamos en contra de calquera tipo de gravacións ilícitas. Non é serio gravar a ningunha persoa pública nin privada dende ningún medio de comunicación sen o seu consentimento. Só un xuíz pode ditaminar que se grave sen que a outra persoa o saiba”.

“O cargo público tiña que coidarse de dicir o que non quería que se reproducise” Xosé Antonio López Graña. Presidente do Consello da Avogacía Galega e decano do Colexio de Avogados de Lugo.

López Graña admitiu que non coñece a existencia das gravacións de conversas telefónicas privadas a políticos por ningún ente público. O presidente do Consello da Avogacía Galega sostén que no caso de que un xornalista ou cargo dun medio manteña unha conversa telefónica privada cun político, “esa conversa pode ser gravada, porque ambas as dúas persoas son consideradas particulares, porque un cargo público non deixa de ser un particular. Ademais, o interlocutor debería intuír que o contido pode ser gravado e reproducido. O cargo público tiña que coidarse de dicir o que non quería que se reproducise, porque unha vez que declara algo, iso xa non forma parte do seu patrimonio íntimo”.

“Unha conversa gravada sen consentimento é un atentado contra o sistema democrático”

Xosé Luís Barreiro Rivas. Doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía e analista político.

Teño que deixar claro que non teño constancia de que ningún medio público gravase ningunha conversa privada a ningún político. É certo que un medio publicou unha conversa transcrita, pero non sei se esa entrevista é de carácter público ou privado. En xeral, que unha conversa estea gravada sen o consentimento dun xuíz ou da persoa involucrada é un atentado contra o sistema democrático porque é un ben persoal que hai que protexer. Por outra banda, a lei que regula o secreto de comunicación é laxa e haina que arranxar”.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat