Vostede coñecía directa ou indirectamente as fitas gravadas ilegalmente antes de que saísen publicadas? Esta foi a pregunta coa que o líder do PPdeG, Alberte Núñez Feixóo pediu responsabilidades ao presidente da Xunta. Pero Emilio Pérez Touriño evitou en todo momento contestar e limitouse a defender o carácter plural do ente público galego.
Durante as preguntas de control ao Goberno no Parlamento, Touriño limitouse a destacar a independencia política, informativa e económica da TVG. Perante as reclamacións de Feixóo para que destitúa o director de informativos da TVG, Roberto Cid, ao que o líder do PPdeG considera responsábel último das escoitas, Touriño apuntou “non podo destituír a quen non nomeei porque os tempos do nomeamento a dedo pasaron á historia”.
Co fin de subliñar o carácter plural do ente público galego, o presidente da Xunta, referiuse ás diferenzas respecto a etapa de Fraga, advertindo que a TVG xa non está supeditada “a intereses extraempresariais cando se encomendan os programas a produtores amigos do PP”.
Feixóo, que durante o seu discurso empregou termos como “Teletouriño” ou “Televisión Dixital Touriño”, pediu que se inicie unha investigación inmediata e que o nomeamento do director xeral da TVG se elixa por consenso este Nadal.
Cambio de sexo
Unha proposición de non lei, a iniciativa orixinal do BNG, foi aprobada no Parlamento galego cos votos favorábeis dos propios nacionalistas, do PSdeG e coa abstención do PPdeG. Desta vez, os populares desbotaron as reclamación do colectivo transexual para que o Goberno central inclúa nas prestacións da rede sanitaria española as intervencións cirúrxicas e o tratamento para o cambio de sexo.
O BNG pretendía que o Sergas, a rede sanitaria galega, incluíse o tratamento “psicolóxico, endócrino, cirúrxico e psicoterapéutico”. Non obstante, nunha transacción co PSdeG, a proposición final obviou a reclamación e pediu que sexa o sistema sanitario español o que cubra este servizo.
Lei de Símbolos
Pola súa banda, o PPdeG reclamou o cumprimento da Lei de Símbolos de Galiza para que os edificios oficiais porten as bandeiras española e galega, iniciativa que PSdeG e BNG rexeitaron.
Tren de cercanías
Desta vez foi Emilio Pérez Touriño quen requiriu a Fomento a creación “inmediata” dunha rede de trens de cercanías en Galiza para cubrir tramos próximos cada vinte ou trinta minutos, petición que o deputado nacionalista, Francisco Rodríguez vén reclamando tempo atrás. O presidente da Xunta advertiu que os eixos Ferrol-A Coruña e Vigo-Pontevedra son os máis necesitados.
Touriño anunciou que no 2008 terá lugar “un cambio substancial” nesta materia coa creación dun consorcio de transportes, para garantir a intermodalidade e para coordinar as frecuencias. Ademais, prometeu que Galiza contará co billete único e que se definirán zonas de transporte polas que viaxar cunha mesma tarxeta.