Indica publicitat
Dimecres, 8 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 3 de de setembre del 2010 | 14:04
Crònica · Galiza

O novo curso político comeza 'con lume'

A reunión da Mesa do Parlamento o pasado día 1 abriu un novo curso político en Galiza, que se presenta cunha axenda frenética. A Xunta anunciou que até finais do 2010 sumará 16 textos lexislativos ás 15 leis aprobadas no ano e medio de goberno de Alberte Núñez Feixóo en San Caetano. Mais a cantidade de proxectos lexislativos que o PP pensa tramitar no que resta de ano non agocha a principal materia pendente deste curso parlamentar: a reforma do Estatuto, un Estatuto "de nación", para o BNG, un Estatuto "da nación de Breogán" para o PSdeG e un Estatuto "a secas" para o PPdeG. Unha vez coñecida a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut catalán, o presidente da Xunta comprometeuse a presentar a proposta estatutaria do Executivo galego en setembro. Polo de agora, Feixóo non fixo mención ningunha nas comparecencias públicas dos últimos días.

Setembro tamén vén marcado pola comparecencia do Goberno galego sobre a xestión dos incendios forestais, nunha tráxica campaña que se cobrou a vida de dous brigadistas. Malia as reiteradas denuncias de veciños sobre a falta de limpeza dos montes, as protestas dos operarios do servizo de extinción de lumes respecto dos escasos medios de traballo e da falta de formación e malia as grandes eivas e ocultación de datos que caracterizaron o tratamento informativo do Goberno galego, Feixóo atreveuse a cualificar de "óptimo" o dispositivo contra incendios. No Parlamento, o PSdeG e o BNG instarán o presidente da Xunta a explicar por que non se aplicou a Lei de Prevención de Incendios -que obriga a limpar o perímetro dos núcleos rurais e das casas-, por que se reduciron as axudas para a roza da maleza ou por que se diminuíu en 8,7 millóns de euros o orzamento para a prevención.

Ademais, a oposición centrarase en evitar que os orzamentos para o 2011 supoñan novos recortes nas políticas sociais. Nun contexto económico como o actual, no que cada día aumenta o número de desempregados -até 211.532 segundo os datos do mes de agosto-, socialistas e nacionalistas aseguran que non permitirán o desmantelamento dos servizos públicos. Polo de agora, a Consellaría de Facenda avanzou unhas contas "que apuntan á privatización e a seguir recortando", advirte o portavoz parlamentar do BNG, Carlos Aymerich.

A lingua será outra das protagonistas deste mes, xa que co comezo do curso escolar porase en marcha o decreto que reduce a porcentaxe mínima de aulas en galego. A Xunta xa ultima a campaña publicitaria -en galego e castelán- coa que explicará os "nos valores" que achega esta norma, masivamente rexeitada pola comunidade educativa e por institucións como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega, así como polos grupos políticos da oposición, os sindicatos e boa parte da sociedade, que xa se manifestara en varias ocasións en contra deste decreto. Malia pregoar ao longo de toda a lexislatura a "austeridade" do seu Executivo, Feixóo gastará case un millón de euros para difundir esta polémica norma, recorrida pola Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG-Ensino -sindicato maioritario no sector- e mesmo pola RAG no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG). O Goberno xa gastara 90.000 euros na campaña das enquisas coas que o PPdeG xustificou o cambio normativo respecto ao decreto do 2007, que fixaba no 50% o mínimo de galego nas aulas, unha porcentaxe que estaba lonxe de se cumprir en numerosos centros de ensino.

Con independencia dos labores parlamentares e das decisións que se adopten desde San Caetano, o novo curso político comeza coa vista posta nas próximas eleccións municipais. Das tres principais formacións é o BNG quen leva a tarefa máis avanzada, ao ratificaren os militantes nacionalistas en xullo os candidatos á Alcaldía das principais cidades e vilas. PPdeG e PSdeG debaterán os cabezas de lista a partir deste mes. Os socialistas informaron de que entre os días 6 e 24 de setembro darán a coñecer o nome dos candidatos das cidades e das principais vilas. Prevese que o PSdeG celebre eleccións primarias nas cidades de Pontevedra -onde os críticos xa conseguiron reunir as sinaturas do 40% dos afiliados- e en Vigo. Nos próximos meses, PPdeG, PSdeG e BNG afanaranse en mellorar os resultados dos anteriores comicios locais co traballo nas rúas de todo o país.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat