Logo das manifestacións de Vigo e de Ferrol contra a privatización da sanidade, foi a quenda de Pontevedra, cidade na que as pretensións da Xunta son máis explícitas que nos anteriores casos. E é que o PP decidiu de xeito unilateral construír un novo hospital en Monte Carrasco e paralizar a ampliación de Montecelo, centro hospitalario para o que se consignaran 100 millóns de euros, aos que habería que sumar outros 57 millóns investidos co bipartito en áreas completamente novas.
A cidadanía, convocada pola Plataforma contra a Privatización e polo Hospital Único de Pontevedra, rexeitou o novo hospital proxectado polo Sergas en Monte Carrasco, xa que supón converter a sanidade en negocio. "Xa nos mollamos con Nunca Máis, polo decreto do galego e agora contra a privatización da sanidade". Así comezaba o doutor Fernando Filgueira a lectura do manifesto. A inxente cantidade de chuvia que caeu ao inicio do percorrido non impediu que a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública xuntase ao redor de 20.000 persoas. Á cabeza da manifestación situáronse o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), e rexedores socialistas e nacionalistas doutros 12 concellos que veñen representar o 70 por cento da poboación da área sanitaria de Pontevedra.
Tamén participaron o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, parlamentares de ambas as dúas formacións, os principais sindicatos e as federacións veciñais Boa Vila, Castelao e Teucro. Ademais de suspender a ampliación do hospital, a Plataforma contra a Privatización e polo Hospital Único de Pontevedra denuncia que o Goberno de Feixóo paralizou a actividade asistencial de tarde do Complexo Hospitalario e anulou a creación de 61 prazas de Atención Primaria na Área Sanitaria de Pontevedra Norte.
Como funcionará este modelo?
O financiamento, construción e xestión do novo hospital que pretende construír o PP en Monte Carrasco vai poñerse en mans dun consorcio privado de grandes construtoras, aseguradoras e bancos, aos que o Sergas deberá pagar un "canon" durante 20 anos por poder usar as instalacións do novo hospital. Transcorridos eses 20 anos, cando o novo hospital fique en boa medida obsoleto, o Sergas será finalmente o seu propietario mais, daquela, os custes totais multiplicarán por seis o que tería costado ese hospital de terse feito con financiamento e xestión plenamente pública. De aí que a plataforma advirta os cidadáns de que suporá "un paso máis cara á destrución do carácter gratuíto e en igualdade de condicións da sanidade pública".
Como lle afectará ao paciente?
A experiencia de Madrid, Valencia e o Reino Unido demostran o empeoramento da calidade asistencial co modelo que pretende implantar o PP no ?novo hospital de Monte Carrasco. Os pacientes que acudan a este novo centro poderían sufrir as consecuencias dun servizo de saúde no que primará o rendemento económico por riba dos intereses dos cidadáns. Esta xestión privada tamén mingua o mantemento dos edificios, o equipamento sanitario e as condicións laborais dos traballadores e traballadoras. "Só se benefician os propietarios do consorcio que se faga cargo do financiamento, construción e xestión do novo hospital, para os que se abre un suculento negocio a costa dos cartos dos galegos e galegas", sinala o fronte pro Montecelo.
O consorcio privado que xestionará o centro hospitalario de Monte Carrasco controlará aspectos tan importantes para a atención sanitaria como a alimentación ou a limpeza. Neste senso, a plataforma lembra o exemplo do Reino Unido, en cuxos hospitais apareceu un virus que se cría erradicado e que se debeu á deficiente limpeza dos cuartos, salas de espera ou quirófanos por mor da redución de persoal, coa destrución de máis da metade de postos de traballo.