Indica publicitat
Dimecres, 8 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 26 de de juny del 2009 | 13:52
Crònica · Galiza

Os obreiros do metal continúan nas rúas

Tras 18 xornadas de folga -repartidas ao longo dun mes e medio- os traballadores do sector metalúrxico de Pontevedra continúan manifestándose polas rúas do centro de Vigo para reclamar a mellora do convenio colectivo convocados pola CIG, por UGT-Galiza e por CC OO.

Mentres, a patronal advirte de que a práctica totalidade dos estaleiros poderían quebrar en cadea, o que suporía a perda de 8.000 postos de traballo e penalizacións para as empresas por non ter entregado a tempo os encargos. Os sindicatos aseguran que unha vez regulada a contratación no naval e aínda que o paro continúe, os traballos dos estaleiros poderanse desenvolver de xeito que non prexudique a entrega dos buques.

Cada mañá, os sindicatos celebran asembleas informativas nos seus centros de traballo e percorren as principais arterias da cidade para reivindicar os seus dereitos en protestas nas que non sempre son eles os protagonistas. As cargas dos antidisturbios -que acompañan os obreiros en cada unha das mobilizacións- son frecuentes estes días en Vigo.

As pelotas de goma e as porras da policía contra as pedras e os parafusos dos obreiros poden verse nas rúas nos días de maior tensión. Aínda na xornada do mércores un dos folguistas resultou ferido polo impacto dunha porra na súa cara. Onte, unha veciña da cidade allea á folga mancábase logo de que unha pelota de goma dos axentes lle golpease nas coxas. Ante os "abusos" que denuncian día si e día tamén os sindicatos, a Xunta permanece impasíbel. A Administración de Alberte Núñez Feixóo -que comezou a mediar no conflito do metal varias xornadas despois de que comezasen as mobilizacións- limitouse a ofrecerlles aos sindicatos unhas condicións que non cumpren coas súas solicitudes.

Nesta liña, a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, afirmou hoxe que Galiza "non se merece máis complicacións" no actual momento de crise económica. A responsábel afirmou non entender como unha negociación "pode terminar sendo noticia por culpa do conflito social que xera", á vez que recordou que o atraso na firma do convenio está "cuestionando a capacidade de produción de Galiza". Neste sentido, asegurou que o sector naval acumula perdas "importantes", provocadas polo atraso na entrega das embarcacións que tiña contratadas. "Os traballadores teñen dereito á folga, pero tamén existe o dereito ao traballo".

Unha loita para os vindeiros anos
Os sindicatos manteñen a súa postura, "loitamos por este convenio sabendo que tamén estamos decidindo os seguintes convenios". "Os empresarios din que xa perderon millóns de euros coa folga, e con este diñeiro pagarían os incrementos dos seis anos seguintes; pero prefiren asumir este custe antes que dárnolo a nós", explican. Cómpre lembrar que antes da convocatoria da folga no sector, a patronal insistía no incremento cero e na conxelación do convenio. Coa mobilización dos traballadores, subiron a súa proposta en dous anos ao 2 por cento no primeiro e o IPC máis o 0,5 por cento, no segundo.

Pola outra banda, os traballadores do metal láianse da imaxe que transmiten deles parte dos medios de comunicación. "Prensa, radio e televisión, como empresas que son, ofrecen unha imaxe trucada da realidade diaria", afirman. "Queren que fracasemos porque a nosa loita é a excepción á submisión que pretenden da clase traballadora". "Responsabilizan os traballadores da violencia para restarnos apoio social, cando somos os únicos agredidos", apuntan. Os sindicatos denuncian que tradicionalmente os traballadores do metal se viron na obriga de loitar porque a "ambición desmedida" dos empresarios "sempre provoca conflito". "Debemos preguntarnos cales serían hoxe as condicións de traballo e os salarios do noso convenio se non respondésemos unitariamente e con forza nestes últimos anos", sinalan.

Pregunta do BNG no Congreso
Quen se preocupou pola situación dos obreiros do metal no Congreso foi o BNG. A través da deputada, Olaia Fernández Davila, os nacionalistas pedíronlle explicacións ao Goberno central pola "desmesurada carga policial" contra os manifestantes. " coñecedor o Goberno da actuación da policía no conflito laboral do sector do metal da provincia de Pontevedra? Sabe que houbo varias cargas policiais como a do 23 de xuño, desproporcionadas e que non obedeceron a razón ningunha?", son algunhas das cuestións que lle dirixiu ao Goberno.

Namentres, os milleiros de traballadores continúan co paro indefinido seguen anegando cada día o centro de Vigo para que a patronal ceda ante as súas demandas. A próxima semana, a CIG emprenderá unha marcha a Santiago que duraría dous días e que tería o obxectivo de achegar a problemática dos traballadores á Xunta.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat