"As comunidades autónomas con máis dunha lingua deberían traballar nun modelo de ensino de inmersión total". Esta é unha das conclusións do Comité de Expertos despois de ter debullado a situación lingüística no Estado español. O segundo informe periódico sobre o Cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias adícalle a maior parte da análise á presenza do galego no eido educativo, que o Consello de Europa cualifica de "insatisfactoria", xa que o galego "non está amplamente dispoñíbel" na educación primaria e en secundaria. Ademais, o documento alerta de que "o número de nenos de educación preescolar cubertos" polo ensino en galego "segue a ser moi baixo" e cífrao no 1,3 por cento.
As directrices do Consello de Europa avogan por incrementar a presenza da lingua no ámbito educativo. De aí que subliñe a iniciativa da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, "o Comité de Expertos desexa eloxiar en particular as autoridades polo proxecto Rede Galescola". O informe tamén aborda o decreto que regula o uso do galego no ensino e non só o apoia, senón que reclama a aplicación de medidas para asegurar o seu cumprimento. Neste sentido, Europa solicita "con interese" avaliacións periódicas sobre o cumprimento da norma e incide en que non recibiu información por parte das autoridades verbo da aplicación do decreto do galego.
Política Lingüística, satisfeita
Nun comunicado de prensa, a Secretaría Xeral de Política Lingüística valora "positivamente" o informe e subliña que "gaba as políticas desenvolvidas polo Goberno galego para darlle cumprimento á Carta". Pola súa banda, a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, preferiu non expresar ningunha opinión respecto ás conclusións do informe, xa que segundo apuntou, refírense ao período 2002-2005, e lembrou que o decreto do galego comezou a ser aplicado no curso 2006-2007. "Haberá que agardar polo próximo informe", apuntou. Con todo, no informe é posíbel atopar referencias ao decreto do galego e continuadas queixas pola carencia de datos que as autoridades non lles fixeron chegar.
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, tamén se pronunciou sobre o informe. "Se algunhas críticas teñen que vir de Europa, que sexan esas todas". "Debería chamar a atención que sexa fóra desde onde reclamen que se debe protexer o idioma". Nas súas declaracións, Quintana instou o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feixóo, a que "teña en conta" o documento antes de criticar actuacións políticas como as galescolas ou o decreto do galego.
O PPdeG, escéptico
"Non sei como se fixo nin con que criterios se desenvolveu este informe", sinalou a deputada popular Manuela López Besteiro. A portavoz de educación do grupo parlamentario do PPdeG apuntou que se a situación fose tan negativa, os profesores terían que suspender os alumnos en galego e isto non está pasando", afirma. López Besteiro engade que "ou os profesores non saben avaliar as competencias en galego ou algo pasa". A deputada do partido da oposición criticou a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, "practicamente non medraron os orzamentos nesta lexislatura para a promoción do galego e mesmo nas contas do 2009 decrece e así non se pode facer protagonista unha lingua".
A Mesa e Galicia Bilingüe, análises antagónicas
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, cualificou de "baño de realismo" as conclusións do informe, que, ao seu ver, "amosan que o Plan de Normalización do 2004 non se está a aplicar. Callón considera que os resultados dos expertos son "un correctivo contra a política lingüística da Xunta".
Pola súa banda, Galicia Bilingüe aplaudiu o informe xa que "avoga por implantar unha educación completamente en galego, pero só se así o queren os pais. A entidade di asumir a filosofía do documento e admite que os nenos e nenas non teñen garantida a ensinanza integramente en galego.
9 tradutores para 9.000 procesos xurídicos
O relatorio alude ao "desaxuste manifesto entre algúns compromisos subscritos e ao nivel de protección asegurado" ás linguas cooficiais e considera "insuficientes" as garantías dos cidadáns para falar na súa lingua perante a xustiza e a administración. Concretamente, en Galiza destaca os "notorios atrasos" por mor de que o Departamento Lingüístico da Xustiza galega "dispón de nove tradutores para máis de 9.000 procedementos".
O informe recoñece o "esforzo" da Xunta malia que "isto non entra nas competencias do Goberno de Galiza". Non obstante, o presidente da Mesa, Carlos Callón, fai fincapé en que "parte moi importante" recae na Consellaría de Presidencia, "que pode facer máis". "Tanto os programas informáticos como os cursos de formación do persoal dependen da Xunta".
RENFE esquece o galego
O informe do Consello de Europa non só alude á situación do galego no ensino e na xustiza. Tamén aborda os medios de comunicación. "Existe unha preocupación social polo feito de que a prensa non reflicta o grao no que a lingua galega se utiliza en Galiza", recolle. Os expertos láianse da "tendencia negativa observada" no caso concreto de RTVE.
O eido das finanzas non queda á marxe. Malia que o Consello de Europa valora os esforzos de Caixanova e Caixa Galicia na promoción cultural do galego, alude aos "lentos progresos" no emprego da lingua.
Pola outra banda, o informe asegura que non se realizaron actividades para promover a lingua no servizo de ferrocarrís (ADIF e RENFE), nos servizos postais (Correos e Telégrafos) ou nos servizos aeroportuarios (AENA).
A UE insta a promover o multilingüismo
O Comité de Ministros do Consello de Europa subliña que os castelanofalantes "parecen non ser suficientemente conscientes" do carácter multilingüe da sociedade española. Neste sentido, recoméndalles ás autoridades "promover as virtudes do multilingüismo e a diversidade lingüística". O informe tamén destaca o "alto grao de recoñecemento e protección" do que se benefician as lingua rexionais.