O Ostedijk non é o Prestige”, pero seméllase moito. Non é o Prestige por que a carga do Ostedjk, fertilizantes, non é tan perigosa como o chapapote do petroleiro. Pero as decisións que se están a tomar son moi semellantes, sen criterio claro e sometidas a diversos avatares técnicos e políticos.
Non hai máis que ollar o rumbo do barco holandés que rematou, por agora, ao abrigo do cabo Estaca de Bares. Nin as condicións metereolóxicas, como se pode confirmar ollando os diferentes partes oficiais, nin as condicións do barco, explican por si sós a ruta errante e a deriva que tomou finalmente o cargueiro.
Dous foron os factores fundamentais que levaron ao gabinete de crises a tomar esta decisión. En primeiro lugar a negativa do porto de Valencia a acoller o barco se chegaba con problemas. En segundo lugar tamén a oposición, coma no Prestige, do goberno portugués a que o cargueiro navegase preto das súas costas se non estaba en boas condicións.
Ante os ventos do sur, a versión oficial é que decidiron abrigalo deste vento ao resgardo da Estaca de Bares. Pero antes xa o porto de A Coruña, e o alcalde da cidade, Xavier Losada, se opuxeran tamén a que o Ostedijk atracase na Coruña ou na súa ría, como semellaba lóxico.
Técnicos apostaban por fondear o cargueiro preto de Ares para realizar un traspase dos nitratos e potasas. Ante a negativa e tendo en conta que a ría coruñesa estaba moi poboada (as eleccións municipais están preto) decidiron que o buque entrase no porto de Celeiro, no concello de Viveiro.
A decisión estaba tan tomada que o denominado Comité de Crises avaliou a necesidade de mercar carautas para os veciños da Mariña. A discusión entablouse en cantas farían falla e de que tipo. Afirmábase que a carga non era “tóxica”, pero si “irritante”. Na citada reunión tamén afirmaron os técnicos que a carga que transportaba o Ostedjk podía ser votada directamente ao mar sen que causase máis contaminación que “podan medrar moito as algas”. O mesmo efecto que se un fertilizante fose esparexido nun prado.
Pero a oposición do concello de Viveiro e das cofradías como a de Celeiro, levaron a que se decidise finalmente manter o barco preto da costa pero sen entrar en porto. A oposición do armador fixo que tamén se rexeitase a alternativa de baleirar o barco no mar.
Optouse xa que logo por votarlle auga para que deixasen de saír emanacións das adegas do barco e logo decidir se trasladan a carga a outro barco ou non. Na Mariña nin as autoridades nin os veciños as teñen todas consigo e mesmo temen que o trabase da carga preto da costa lles poda afectar á saúde. A experiencia do Cason fainos dubidar se a carga consignada no Ostedijk é realmente a que transporta o buque holandes.
Sexa como fose o certo é que o cargueiro andou “de paseo” durante catro días sen atoparlle solución. O mesmiño que o Prestige.
O que demostra que estamos máis ou menos nas mesmas. Non existe un protocolo de actuación axeitado que fixe o que se debe de facer nestas circunstancias. Entra as medidas a consignar está a de prever e habilitar un porto refuxio para estes accidentes. Co Ostedgk, o grande problema é que se puxo de manifesto que, de vir outra catástrofe, Galiza non conta nin cos medios nin cos procedementos axeitados para facerlle fronte. O Prestige non serviu para moito. Por non servir, nin a comisión parlamentaria sacou unhas conclusións e definiu un xeito de actuación. Subrrealista se non fose na Galiza, país no que o fantástico é absolutamente real, como ben demostraron Valle ou Cunqueiro.